Pasar al contenido principal

As precipitacións rexistradas en Compostela ao longo de 2022 chegaron aos 1.726,7 litros por metro cadrado

Foron 181 as xornadas nas que choveu nalgún momento do día. FOTO: Santi Alvite
Foron 181 as xornadas nas que choveu nalgún momento do día. FOTO: Santi Alvite
A temperatura máxima acadouse o 14 de xullo con 39º3, segundo datos procedentes do resumo meteorolóxico elaborado dende a estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía
Santiago de Compostela

A 31 de agosto tan só se levaban contabilizados 526 litros/m2 de precipitacións en Compostela, sendo a referencia como ano máis seco o 2007 cun total de 1.200 l/m2. “As previsións dun outono con poucas precipitacións causara alarma, pero como xa ten acontecido anteriormente nunha morea de ocasións as chuvias de outono viñeron ao rescate”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, no resumo meteorolóxico correspondente a 2022 elaborado coa colaboración de Pedro Pablo Campo e Maximino Pardo. Nos últimos tres meses, rexistráronse 1.026 l/m2, os cales unidos aos 175 l/m2 de setembro completaron un total de precipitación en 2022, en Compostela, de 1.726,7 l/m2, “algo que ao final do verán parecía imposible”, matiza o profesor Docobo. Ao final estivo a piques de acadarse a media anual dos 1.800 l/m2.

“No ano 2000 aínda fora peor xa que nos últimos meses se chegaran a medir máis de 1.500 l/m2. Neste finalizado 2022, o mes máis chuvioso foi decembro con 451,4 l/m2, seguido de outubro (307,4) e novembro (267)”, relata. Pola contra, meses tradicionalmente chuviosos apenas achegaron cantidades notables: xaneiro (64,1 l/m2), febreiro (52,9), e maio (65,1).

É destacable a cantidade de chuvia rexistrada o 19 de decembro con 100,5 l/m2, e tamén os 55 l/m2 do día 23 do mesmo mes. En 15 días a precipitación superou os 30 l/m2. Foron 181 as xornadas nas que choveu nalgún momento do día. Estas representan o 49,6%, se ben en 22 delas foi inapreciable (menos de 0,1 litros/m2). Sen contar estas últimas, serían por tanto 159 (43,6%).

Temperaturas

Xullo e agosto foron meses especialmente quentes. Das 21 xornadas nas que o termómetro superou os 30º, 19 delas pertencen a ditos meses. Destaca a máxima absoluta do ano acadada o 14 de xullo con 39º3, practicamente igual á de dous días antes (39º2). O 9 de xullo alcanzáronse os 36º4 e o día 13 do mesmo mes, 36º0. A mínima absoluta correspondeu ao 24 de xaneiro con -0º5. Tan só neste día e mais no 7 de marzo (-0º4) a mínima foi negativa.

A temperatura máxima máis baixa tivo lugar o día 8 de xaneiro con 10º8, mentres que os días 14 e 15 de xullo a mínima non descendeu dos 23º. A máxima do mes de decembro (17º0) tivo lugar o último día do ano, “curiosamente o mesmo que aconteceu en 2021, pero daquela a temperatura fora algo superior (20º8)”, afirma Docobo.

Insolación

2022 estivo na liña dos últimos anos, con máis horas de Sol con respecto á media das últimas décadas. En total, os heliógrafos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller rexistraron 2.284 horas e 45 minutos, bastante por enriba da media (2.079 horas). O medido este ano supón un 52,2 % das posibles horas de insolación. Destacan os 108 días con máis de 9 horas e outros 79 nos que o Sol saíu en Santiago entre 6 e 9 horas. “Porén, foron 35 as xornadas (maioritariamente nos últimos meses) nas que o astro rei non se deixou ver pola capital de Galicia”, conclúe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.01.2023.