A presenza de metais pesados en algas pardas viuse reducida nas últimas décadas
As concentracións de moitos elementos potencialmente tóxicos rexistrados en algas pardas foi diminuíndo nas últimas décadas. En concreto, logo da análise do período comprendido entre 1933 e 2020, detectouse que os niveis de cadmio, cobalto, cromo, cobre, ferro, mercurio, manganeso, chumbo e cinc víronse reducidos entre un 60% e un 84%, se ben esta tendencia non comezou ata as décadas dos 70, 80 e 90 do século pasado. Esta é unha das principais conclusións do artigo ‘Global decrease in heavy metal concentrations in brown algae in the last 90 years’, asinado polos investigadores da USC Jesús Aboal, Carme Pacín, Zulema Varela e José Ángel Fernández Escribano. Xunto a eles, desenvolveron a investigación Rita García Seoane do Centro Oceanográfico de A Coruña e Aridane G. González da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria.
O equipo investigador desenvolveu unha meta-análise, realizando minería de datos en máis de 350 traballos, que permitiu conseguir máis de 15.700 datos de concentracións corporais de metais pesados en diferentes especies de algas pardas que vivían nas costas de todos os continentes. “Na costa do noroeste da Península Ibérica, comprobouse a través de diversos traballos que, dende os anos 90 ata a actualidade, as concentracións en algas pardas de moitos destes elementos potencialmente tóxicos diminuíron. Con todo, non existía información sobre cales son as súas tendencias nos últimos decenios a nivel global”, explica o profesor Jesús Aboal, primeiro asinante do artigo.
A pesar das dificultades metodolóxicas relacionadas con esta aproximación —non se teñen tomado como mostra os mesmos lugares ao longo do tempo ou as especies son diferentes, entre outras eivas— os resultados obtidos da análise dos datos son, a xuízo dos investigadores, “robustos”. Porén, a interpretación destas achegas complícase nunha realidade asociada ao quecemento global.
Causas
O equipo investigador vincula as diminucións co incremento de temperatura e o descenso do pH. “Non é posible descartar que a xeración de adaptacións das algas poidan ser as responsables destes descensos”, engaden. “Finalmente, outra posibilidade, quizais a máis sinxela para explicar estes resultados, sería o éxito da implementación de medidas ambientais encamiñadas á redución das verteduras ao mar, vixentes especialmente a partir das tres últimas décadas do século pasado”, relatan. Con todo, matizan que serán necesarias futuras investigacións para coñecer con maior detalle a contribución individual destas posibles causas ao descenso dos contidos de metais pesados nas algas pardas detectado a nivel mundial.
“Dada a toxicidade destes elementos sobre as algas, coñecer os seus contidos corporais parece unha cuestión fundamental”, explican para despois poñer o foco en que “esta fóra de toda discusión a importancia das algas nos ecosistemas litorais, tanto a través dos seus papeis na estruturación das comunidades e no metabolismo dos ecosistemas, como a través dos servizos que prové á nosa sociedade —alimento, fármacos, cosméticos, ou combustibles, entre outros—”. Neste senso, subliñan a importancia de profundar no estudo da contaminación xa que se recoñece “como un dos máis importantes impulsores do cambio global”. Debido á súa persistencia e capacidade de biomagnificación, os investigadores salientan que os metais pesados seguen destacando entre os contaminantes.