O proxecto Cure4Aqua fomentará a resiliencia da acuicultura europea
Optimizar a resiliencia da acuicultura da Unión Europea mellorando a saúde e o benestar dos animais acuáticos será a meta do proxecto Cure4Aqua no que participan investigadores de 16 países e que acaba de recibir un financiamento de case cinco millóns de euros procedentes do programa Horizonte Europa. O proxecto no que participa a USC pretende apoiar unha produción inclusiva, segura, sa e respectuosa co medio ambiente.
Os produtos do mar cultivados constitúen unha fonte importante de proteínas cunha pegada de carbono baixa, “esencial para axudar a construír un sistema alimentario sostible”, explican dende o consorcio que integra o proxecto. Con todo, o control de patóxenos continúa conformando un desafío para o sector. Isto é particularmente relevante para Europa, onde existe unha importante variedade de especies e sistemas de produción, o que dificulta a implementación de boas prácticas de manexo adaptadas a cada especie acuática.
Entre as accións que se executarán ata 2027 no seo deste proxecto, atópase o desenvolvemento de vacinas rendibles para previr enfermidades en peixes de cultivo; tamén se dará pulo a programas de cría selectiva para paliar o estrés e o manexo de enfermidades; trazaranse alternativas innovadoras, de base biolóxica e sostibles, aos antibióticos para o control das enfermidades dos peixes nas distintas etapas da vida; así como novas ferramentas e tecnoloxía baseada en intelixencia artificial para mellorar a saúde dos peixes e o seu benestar.
Mellorar o diagnóstico de patóxenos; e integrar o benestar dos acuicultores e os peixes como unha prioridade da produción acuícola mediante o desenvolvemento de estándares de benestar que consideren as diferentes etapas da vida, os sistemas de produción e o coñecemento das necesidades de benestar completan a listaxe de obxectivos formulados no marco de Cure4Aqua.
“Necesidade urxente”
A profesora da USC, Isabel Bandín, participa como investigadora principal neste proxecto coordinado dende o Instituto de Parasitoloxía da República Checa por Ivona Mladineo. “A investigación debe estar á vangarda dos cambios positivos que darán lugar a que os nosos sistemas alimentarios sexan sostibles preocupándonos polos altos estándares de saúde e benestar dos peixes. Hai unha necesidade urxente de resolver algunhas das principais deficiencias e limitacións ás que se enfronta a industria acuícola europea. Cure4Aqua abordará estes problemas mediante a construción dun enfoque co-creativo con outros actores interesados e involucrados na acuicultura”, explican dende a coordinación do proxecto.
Ademais de España e República Checa, integran o consorcio institucións procedentes de Irlanda, Reino Unido, Grecia, Dinamarca, Francia, Noruega, Alemaña, Tailandia, Polonia, Austria, Suíza, Croacia, Portugal e Chile. A outra institución española que participa neste proxecto é a Universidade Autónoma de Barcelona.