Pasar al contenido principal

A USC adxudica o contrato para a reparación das cubertas da Facultade de Bioloxía por procedemento de emerxencia

Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
A vida docente do centro continuará con normalidade e a actividade que se desenvolve nos laboratorios afectados será trasladada a outras dependencias mentres dure esta intervención
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López,  responsables da Xerencia e da Área de Infraestruturas da Universidade  e o equipo decanal da Facultade de Bioloxía, realizaron este venres unha visita ás instalacións do centro para avaliar os problemas causados pola chuvia nas cubertas e que provocaron filtracións. Tras a visita, mantiveron una reunión cara a súa solución, para a que se bota man do procedemento de urxencia que contempla a Lei de Contratos do Sector Público no seu artigo 120.  

A decisión foi tomada nesta reunión de coordinación co obxectivo de darlle unha solución duradeira a unha problemática que leva afectando ao edificio dende a súa construción, no inicio da década de 1980. Ante a necesidade de actuar de xeito inmediato por mor da situación derivada da incidencia das intensas chuvias das últimas semanas, o goberno da Universidade optou por acollerse ao procedemento de emerxencia dado que, cumpríndose os requisitos para facelo, é necesaria unha actuación rápida que evite que outras zonas do edificio se vexan afectadas.

A empresa encargada de realizar a actuación integral de reforma, que se prevé rolde os 350.000€ de investimento, será Tradisco, unha das responsables da reforma das cubertas da Catedral de Santiago, con máis de catro décadas de experiencia no ámbito e referente no sector da rehabilitación e impermeabilización de cubertas. 

En paralelo, botando man dos seus servizos xurídicos, a Universidade abriu un expediente para analizar as responsabilidade derivadas da actual situación que eventualmente poidan ter os axentes e empresas intervenientes en anteriores actuacións.

A actividade docente do centro continuará con normalidade

A chuvia caída nas últimas semanas tiña provocado no centro filtracións importantes que afectan, de maneira principal, a unha zona de laboratorios de investigación. Así, na mesma reunión constatouse que, mentres que a actividade docente non se verá afectada e continuará a desenvolverse de xeito ordinario, a actividade investigadora será trasladada a outras dependencias da Universidade para garantir o seu correcto desenvolvemento durante o tempo que se estendan as obras de reparación.

Cronoloxía da problemática actual

O edificio no que se atopan as Facultade de Bioloxía e Matemáticas foi construído no ano 1982, e é obra do recoñecido arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois. Dado que as primeiras décadas de vida do centro este xa sufrira problemáticas relacionadas coas filtracións de auga, iniciáronse obras de reforma na envolvente (fachada e cubertas, principalmente) e parte dos espazos interiores que remataron no ano 2012.

Nestes últimos dez anos, unha zona de 8 cubertas que ocupa 2.400 metros cadrados de superficie sufriu patoloxías derivadas da dilatación e contracción do material por causa das variacións de temperatura, o que ocasionou fisuras, aparición de ocos nas xuntas de encontro coa fachada e outros desperfectos.

Co inicio das chuvias intensas do mes de outubro, a Área de Infraestruturas recibiu comunicación de problemas relacionados coa filtración de auga nos espazos que se atopan baixo esa zona de cubertas afectadas. Dende ese momento, reparáronse fisuras e gretas visibles, desmontáronse falsos teitos para evitar caídas de láminas e permitir que se eliminase a humidade, limpouse a auga filtrada para protexer o equipamento e avaláronse posibles solucións que desembocaron na reunión mantida entre o goberno da Universidade e o equipo decanal desta mañá.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.01.2023.