Unha investigación estuda o rol da radio para promover o diálogo entre xeracións e o avellentamento activo
A radio supón unha oportunidade para favorecer o diálogo entre xeracións e contribúe a promover un avellentamento activo. Así o concluíu a investigadora Lucía Abarrategui ao dar pulo a un programa de radio no CEIP de Barouta (Ames) no que persoas maiores e alumnado de sexto de primaria puideron crear un espazo radiofónico sobre o patrimonio cultural da zona, emitido a través da radio municipal e tamén mediante podcast. A investigadora, no marco da súa tese de doutoramento, avaliou o proceso e comprobou “as potencialidades da radio para a promoción da educación interxeracional, o envellecemento activo e a inclusión sociocomunitaria”, afirma.
Entre xaneiro e abril de 2017, Lucía Abarrategui, responsable do deseño e desenvolvemento deste programa educativo, analizou os potenciais beneficios desta actividade a través da observación da experiencia, a realización de entrevistas ás persoas participantes e os contidos radiofónicos producidos polo grupo, formado por participantes con idades comprendidas entre 11 e 90 anos.
Entre as principais conclusións da investigación titulada ‘A radio como recurso para a promoción da educación interxeracional, o avellentamento activo e a inclusión sociocomunitaria’ despréndese que a iniciativa permitiu romper estereotipos, mellorar as relacións entre persoas mozas e maiores, potenciar o envellecemento activo e motivar a aprendizaxe. Ademais, a construción colaborativa do programa de radio supuxo a difusión e posta en valor de elementos do patrimonio cultural, tales como refráns, lendas, festividades ou xogos tradicionais.
A investigación comezou a realizarse co apoio das Bolsas de Investigación en Ciencias Sociais outorgadas pola Deputación da Coruña e desenvolveuse dentro do Programa de Equidade e Innovación Educativa da USC, baixo a dirección do profesor da institución compostelá, Jesús Rodríguez, e Helena Zapico da UDC, membros do Grupo de Investigación Stellae.
Con esta tese, Lucía Abarrategui constatou que a radio supón unha oportunidade para o diálogo entre xeracións e a promoción dunha sociedade para todas as idades. Os directores da tese mostráronse orgullosos do traballo resultante “que amosa o valor da radio na educación, mais tamén da necesidade de incluír esa perspectiva interxeracional”, sostén Jesús Rodríguez. Pola súa banda, Helena Zapico subliña que “o labor desenvolvido é moi esixente e honesto, unha espléndida contribución aos distintos campos de estudo nos que se enmarca esta investigación, os cales precisan de persoas talentosas e comprometidas coma ela”. O tribunal valorou especialmente a orixinalidade do traballo, a súa achega en termos de innovación educativa e inclusión sociocomunitaria, outorgándolle a máxima cualificación.