Máis dun cento de participantes compiten na fase autonómica da Olimpíada Matemática Española
A Facultade de Matemáticas da USC acolle este venres 20 a fase autonómica da 59ª Olimpíada Matemática Española. Un total de 122 estudantes (80 mozos e 42 mozas) compiten por una das tres prazas do equipo olímpico que represente a Galicia na fase estatal, a celebrar do 10 ao 12 de marzo en León.
A Olimpíada comezou cun acto de benvida para continuar coa primeira sesión das probas: tres horas e media nas que se resolveron tres problemas. A segunda sesión, xa en quenda de tarde, consta doutras tres horas e media para acometer outros tres problemas. Este concurso constitúe a Fase Autonómica Galega da Olimpíada Matemática Española que convoca anualmente a Real Sociedade Matemática Española. As probas están organizadas pola Asociación Eduardo García-Rodeja Fernández.