A EPS de Enxeñaría aborda a relación entre conflitividade social e incendios provocados en Galicia entre 1999 e 2014
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC analiza a relación entre a conflitividade social e os incendios forestais intencionados rexistrados en Galicia entre 1999 e 2014, un período no que se contabilizaron 96.648 lumes provocados, segundo se recolle na tese ‘Proposta dun índice de risco de incendios integrando a conflitividade como variable explicativa. Aplicación a Galicia’, elaborada por Gervasio López Rodríguez-Casal baixo a dirección do catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Manuel Marey.
A investigación de doutoramento presentada por Gervasio López, que está avalada pola presentación de catro comunicacións a congresos nacionais e internacionais, e por tres artigos en revistas de impacto JCR do primeiro cuartil, ademais de por dar pé ao primeiro capítulo do libro ‘Os incendios na Rede Natura 2000: situación, prevención e propostas para unha xestión integral’, publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, pon o foco na desigual incidencia das lapas no territorio en función da súa propiedade e do tipo de xestión.
Gervasio López distingue así dúas unidades espaciais. A primeira é a formada polos 3.326 montes veciñais en man común (MVMC), que ocupan un total de 663.500 hectáreas das que son propietarios algo máis de 118.500 comuneiros, e nas que se rexistraron durante o período de referencia 26.476 incendios intencionados. A segunda unidade territorial contemplada nesta investigación corresponde coas 59 áreas de interese comunitario (ZEC) pertencentes á Rede Natura 2000 e que se estenden sobre algo máis de 374.400 hectáreas (o 43% das ZEC son MVMC), nas que se contabilizaron 9.675 lumes provocados.
Alén da compilación e clasificación de datos relacionados cos episodios incendiarios intencionados, esta investigación de doutoramento permite dispoñer na actualidade de indicadores indirectos de conflitividade, tales como son as novas de prensa ou as sentencias xudiciais, ao tempo que analiza e relaciona as resolucións xudiciais coa actividade incendiaria nas áreas ZEC e en terreos que son montes veciñais en man común.
Outras das achegas desta tese responden á posibilidade de determinar, de forma obxectiva e a escala de monte, a evolución experimentada pola actividade incendiaria nos terreos de propiedade privada colectiva, tal e como son os montes veciñais, en función do seu nivel de xestión e aproveitamento forestal. De feito, a investigación conclúe que aquelas áreas que teñen máis valor son as que menos arden. As análises estatísticas compiladas nesta tese de doutoramento indican, sen embargo e en termos xerais, que as áreas ZEC da Rede Natura 2000 non tiveron impacto na redución de incendios nestes territorios, xa que os datos indican que estas áreas de interese comunitario son as máis vulnerables polo lume.
Alén destas consideracións, Gervasio López Rodríguez-Casal inclúe na súa tese de doutoramento a proposta dun método novo apropiado para integrar a análise da conflitividade nos índices de riscos de incendios, unha recomendación que, na súa opinión, pode e debe permitir unha mellor planificación da defensa contra os incendios en Galicia.
Tribunal de tese e cualificación
O catedrático do Departamento de Enxeñaría e Xestión Forestal da Politécnica de Madrid, Luis Díaz Balteiro, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Gervasio López. O catedrático de área de Enxeñaría Forestal da Universidade de Oviedo, Marcos Barrio Anta, e o investigador ‘Ramón y Cajal’ da área de Proxectos de Enseñaría da USC, César Pérez Cruzado, completaron a formación dun tribunal que acordou outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude a esta investigación de doutoramento.