Pasar al contenido principal

Veterinaria, unha formación entre as aulas e o tecido produtivo

Alumnado de Veterinaria realiza práctica na Granxa Experimental do Campus Terra
Alumnado de Veterinaria realiza práctica na Granxa Experimental do Campus Terra
O alumnado da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC complementa a súa formación académica coa posta en práctica dos seus coñecementos en preto de corenta empresas e establecementos alleos á USC que teñen asinados acordos co centro universitario lugués para a realización deste tipo de actividades formativas

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC mantén unha estreita relación cos axentes dos distintos sectores produtivos, grazas a cuxa colaboración o alumnado do centro universitario lugués pode complementar a formación académica recibida nas aulas en preto de 40 explotacións agrogandeiras ou establecementos ligados ao sector alimentario, enclaves nos que as novas xeracións de profesionais veterinarios proban e poñen a punto os seus coñecementos.

A práctica é unha dimensión esencial da formación dos profesionais do ámbito veterinario, subliña o decano da Facultade de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández Rodríguez, quen non repara en agradecementos a todas as persoas titulares de explotacións agrogandeiras e mesmo de empresas e industrias ligadas ao sector primario e alimentario que ceden as súas respectivas instalacións para que o alumnado de Veterinaria poida desenvolver diversas actividades formativas.

Agradecido por estas colaboracións dos axentes produtivos, materializadas en acordos, a través dos que as empresas permiten o uso das instalacións das súas granxas ou establecementos por parte do alumnado de Veterinaria para a realización de tarefas académicas guiadas por docentes, Fernández Rodríguez subliña as dificultades para coordinar as necesidades académicas cos intereses e prioridades dos produtores.

Aínda así, Gonzalo Fernández defende que este tipo de sesións prácticas a pé de granxa o noutras empresas, é fundamental para que os futuros veterinarios e veterinarias acaden unha formación de calidade, ao tempo que tamén constitúe un requirimento para que a  Facultade de Veterinaria da USC manteña os máximos estándares de calidade xa recoñecidos por organismos internacionais como a a Axencia Europea de Establecementos de Ensinanza Veterinaria (EAEVE).

A granxa experimental Gayoso-Castro e os establos de que dispón o Hospital Veterinario Rof Codina permiten ao alumnado de Veterinaria realizar un amplo catálogo de prácticas en gando vacún. A disposición destas instalacións é fundamental para a Facultade de Veterinaria da USC, esgrime o decano do centro, quen, sen embargo, recoñece as limitacións, por non falar da imposibilidade, de que o centro universitario conte cunha granxa de cada unha das especies animais.

Diante desta realidade, o centro universitario lugués suple estas eivas con convenios con empresas do ámbito da alimentación animal, e granxas avícolas, cunicultura, pequenos animais, porcino, ovino e caprino, especies do medio mariño e acuático, e mesmo de équidos e de vacún, pois a realidade dun sistema de produción en intensivo presenta moitas diferenzas respecto dunha explotación en réxime extensivo, di Fernández.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2023.