Pasar al contenido principal

Exposición

Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina: facer no século

Ata o 5 de abril

Santiago de Compostela
Claustro Alto

A USC e a Fundación Juana de Vega presentan esta exposición con motivo do 150 aniversario da morte da activista e escritora liberal

Exposición 'Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina: facer no século'. FOTO: Santi Alvite
Exposición 'Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina: facer no século'. FOTO: Santi Alvite

Como parte dos actos conmemorativos do 150 aniversario da morte da autora, a Fundación que leva o seu nome e a Cátedra Juana de Vega da USC promoven a mostra 'Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina: facer no século', que permanecerá no Claustro Alto do Colexio de Fonseca do mércores 8 de febreiro ao 5 de abril. Na inauguración da mostra tomaron parte a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Murias Fernández, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, o comisario da exposición, Xosé Ramón Veiga e a directora da Cátedra Juana de Vega, Luisa Muñoz Abeledo.

Con entrada de balde, a exposición poderá ser visitada de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. 

Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina: facer no século

A mostra itinerante sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega abrangue desde o seu nacemento en 1805 na Coruña ata o seu falecemento en 1872 nesta mesma cidade. A exposición, que iniciou o seu percorrido na cidade da Coruña, permanecerá aberta en Santiago de Compostela ata o 5 de abril. Posteriormente rotará por outras cidades de Galicia, recalando tamén en Monforte de Lemos, terra da nai de Juana de Vega, e en Mondoñedo, de onde era orixinario o seu pai.

Na exposición, distribuída en 18 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX e o seu casamento con Francisco Espoz y Mina. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.

A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter. Juana tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero, Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades. A súa implicación, sempre informal, no manexo das decisións políticas que afectan os progresistas herculinos continúa como mínimo ata 1868, mais tamén os seus contactos cos primeiros espadas do partido a nivel estatal, en especial con Salustiano Olózaga.

Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático. As súas últimas vontades inclúen a distribución ben ordenada dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións.

Remata a exposición cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña).

A exposición, organizada pola Fundación Juana de Vega, conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a colaboración da Cátedra Juana de Vega da Universidade de Santiago de Compostela, e máis dunha vintena de institucións públicas e privadas, desde museos a arquivos ata centros de documentación e bibliográficos que durante este século e medio gardaron, conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.04.2023.