Pasar al contenido principal

Un estudo de Novos Medios analiza a desinformación nas redes arredor da morte de Samuel Luiz

Analizáronse as noticias sobre o dramático evento e os avances da investigación durante o segredo de sumario nun medio local e nun estatal
Analizáronse as noticias sobre o dramático evento e os avances da investigación durante o segredo de sumario nun medio local e nun estatal
A investigación constata un debate público dominado por actores non xornalísticos, como poden ser figuras políticas, a contorna da vítima ou colectivos vencellados
Santiago de Compostela

Un equipo investigador pertencente ao grupo Novos Medios da USC acaba de publicar un estudo sobre a cobertura dos medios de comunicación, a conversa pública nas redes sociais e o papel dos fact-checkers no caso do crime de Samuel Luiz, sucedido na madrugada do 3 de xullo de 2021. O mozo foi vítima dunha brutal malleira que tivo unha importante repercusión nos medios e na sociedade en xeral. O caso, baixo segredo de sumario durante un mes, está pendente de xuízo con xurado popular. O estudo de Novos Medios constatou que a conversación polarizada en Twitter estivo dominada por actores non xornalísticos, cunha importante influencia da posición política. As desordes informativas mostran que o ruído que xera a discusión pública completa o relato con contidos falsos, enganosos e nesgados.

O carácter local do incidente, que rapidamente tornou nun evento de repercusión xeral, motivou o inicio dunha investigación con espírito de comprender, explicar e responder a unha realidade próxima atravesada por un fenómeno global como a desinformación. “A posibilidade de tratarse dun crime de odio, xunto á politización do caso, a intervención de diferentes actores e a notable polarización evolucionaron nun clima onde proliferou a desinformación”, explican Jorge Vázquez Herrero, María Cruz Negreira Rey e Xosé López García, profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e autores do artigo ‘Misinformation on trial: Media coverage of a murder, public conversation and fact-checking’. 

Máis de 750.000 chíos

En primeiro lugar, analizáronse as noticias sobre o dramático evento e os avances da investigación durante o segredo de sumario nun medio local (La Voz de Galicia) e nun estatal (El País), reconstruíndo os encadres informativos. Nun segundo paso da investigación, abordouse a conversa en Twitter con algo máis de 750.000 chíos analizados e visualizados en grafos, afondando nas principais comunidades e nas mensaxes máis difundidas para identificar as liñas discursivas e constatar a polarización, moi evidente cando hai unha posición político-ideolóxica. En terceiro lugar, estudouse o rol de verificadores como Maldita.es, Newtral, Verifica RTVE e AFP Factual, ademais de identificar e caracterizar as desordes informativas. Neste caso atopáronse evidencias de falso contexto, contido enganoso, falso e manipulado, así como a intervención de contramedios e medios partidistas.

O caso analizado exemplifica a complexa interrelación entre diferentes actores, nun contexto no que incluso os eventos máis tráxicos xeran marcos interpretativos da realidade nun clima polarizado. Nas redes sociais obsérvase un debate público dominado por actores non xornalísticos, como poden ser figuras políticas, a contorna da vítima ou colectivos vencellados. A desinformación, en diferentes graos, emerxe e tende á simplificación do discurso. A investigación enmarcouse no proxecto europeo IBERIFIER, do cal a USC forma parte a través do grupo Novos Medios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.02.2023.