Pasar al contenido principal

O ciclo ‘Ciencias para xoves investigadores’ chega ao seu remate coa visita de 120 estudantes preuniversitarios ao Campus Terra

Alumnado do Colexio San Xosé de Lugo, con profesores da Facultade de Ciencias de Lugo
Alumnado do Colexio San Xosé de Lugo, con profesores da Facultade de Ciencias de Lugo
Alumnado de Eso do Ies Ánxel Fole, Colexio San Xosé e Franciscanos de Lugo achéganse ata o mércores ao mundo da experimentación nos laboratorios da Facultade de Ciencias

O ciclo ‘Ciencias para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado por docentes, investigadores e demais persoal da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC, achega esta semana ao centro universitario lugués máis de 120 estudantes de último curso da Eso procedentes do Ies Ánxel Fole, Colexio San Xosé e Colexio Franciscanos de Lugo.

Esta última quenda de visitas á Facultade de Ciencias pechará mañá mércores a edición 2018 dun programa que botou a andar no mes de xaneiro e no que tomaron parte máis de 450 estudantes preuniversitarios procedentes de máis dunha decena de centros educativos galegos. Todos os participantes nesta iniciativa tiveron a ocasión de coñecer as instalacións universitarias da Facultade de Ciencias de lugo, así como a súa oferta de estudos e servizos, ao tempo que tamén puideron iniciarse no mundo da experimentación a través do desenvolvemento de diferentes experiencias prácticas en laboratorio.

O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, deu a benvida á delegación estudantil chegada este martes do Colexio San José de Lugo nun breve acto de acollida, no marco do que os coordinadores dos títulos de grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, os profesores Gerardo Pereira e Jesús Casabiell, fixeron unha breve presentación destes itinerarios formativos, ao tempo que explicaron as distintas vías de inserción laboral ás que dan acceso estes títulos universitarios.

Dacordo co programa que rexe o desenvolvemento deste ciclo de visitas, o alumnado do Colexio San Xosé comezou a súa inmersión no mundo da experimentación coa vestimenta dos equipos de protección individual (Epi). Logo, distribuídos en grupos e acompañados por diversos profesores, os futuros investigadores tiveron a oportunidade de coñecer os traballos e procesos que se desenvolven nos laboratorios a través de vistosas actividades prácticas. Este mesmo percorrido científico, un itinerario que xa completaron o luns estudantes do IES Ánxel Fole, agarda mañá a visita de preto de medio centenar de estudantes do Colexio Padres Franciscanos de Lugo.

José Vázquez Tato, con alumnado preuniversitario no seu laboratorio Estudantes do Colexio San Xosé, nun laboratorio de microbioloxía

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2018.