Pasar al contenido principal

Aberto o prazo para concorrer ao premio de investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións

O premio quere fomentar o coñecemento histórico e actual do Camiño de Santiago e das Peregrinacións. FOTO: Santi Alvite
O premio quere fomentar o coñecemento histórico e actual do Camiño de Santiago e das Peregrinacións. FOTO: Santi Alvite
Outorgarase un único premio en metálico de 1.000 euros
Santiago de Compostela

Co obxectivo de fomentar o coñecemento histórico e actual do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, así como a promoción e difusión dos valores a eles asociados nas súas diferentes facianas, a Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, convoca a sexta edición do premio de investigación sobre a ruta xacobea.

Poderá presentarse a estes premios todo o persoal investigador de nacionalidade española ou estranxeira que teña publicado durante o ano 2022 un traballo en formato libro de autoría individual e/ou colectiva, ou defendido unha tese de doutoramento, que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago ou as Peregrinacións baixo diversos aspectos —históricos, culturais, xeográficos, ou turísticos, entre outros—. Outorgarase un único premio en metálico de 1.000 euros.

As solicitudes presentaranse a través do rexistro electrónico da USC e dirixiranse, de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria, á Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación. O prazo de presentación abrirase ao día seguinte da publicación da presente convocatoria no taboleiro electrónico da USC e pecharase aos dous meses da publicación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2023.