Pasar al contenido principal

Conferencia de Stanley Prusiner, Premio Nobel polo descubrimento dos prións, convidado polo programa ConCiencia

Conferencia de Stanley Prusiner, Premio Nobel polo descubrimento dos prións, convidado polo programa ConCiencia
Conferencia de Stanley Prusiner, Premio Nobel polo descubrimento dos prións, convidado polo programa ConCiencia

O Premio Nobel de Medicina en 1997, Stanley Prusiner, impartirá este mércores 23 na cidade unha conferencia convidado polo Programa ConCiencia, da USC e o Consorcio de Santiago, coa colaboración de Prion 2018 e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad.

Prusiner, que gañou o máximo galardón mundial por descubrir os prións, un novo principio biolóxico de infección que causa enfermidades neurodexenerativas mortais como a enfermidade de Creutzfeldt-Jakob (ECJ) ou a doenza das vacas tolas, falará precisamente desta cuestión este mércores ás 10.00 horas no Palacio de congresos e exposicións de Galicia. A conferencia leva por título ‘Unha visión unificada da bioloxía e as enfermidades priónicas’.

Prusiner e os prións Stanley Prusiner naceu en Des Moines (Estados Unidos) en 1942. Estudou Medicina na Universidade de Pennsylvania e traballou no NIH con Earl Stadtman, onde se familiarizou coas técnicas da bioquímica de proteínas. Posteriormente realizou a residencia en Neuroloxía na Universidade de California en San Francisco. Alí tratou unha doente con ECJ e quedou completamente fascinado por esta doenza. Naquel tempo pensábase que era causada por un denominado “virus lento”. Dende entón, Stanley Prusiner dedicou todas as súas enerxías a caracterizar o axente causante de dita enfermidade.

Os traballos de Prusiner levárono a un descubrimento sorprendente: o axente infeccioso causante da ECJ carecía de ácidos nucleicos (a base da transmisión da información xenética): estaba constituído unicamente por proteína. Prusiner denominou a esta nova entidade biolóxica “prión”.

Os prións son agregados proteicos que se propagan ao impoñeren a súa forma (conformación, na linguaxe bioquímica) a unha proteína de conformación normal. Podería dicirse que impoñen o seu molde ás proteínas. Dito tecnicamente, os prións propagan as súas estruturas cuaternaria, terciaria e secundaria; non como no caso dos ácidos nucleicos, a primaria.

Nos últimos anos Stanley Prusiner volveu a galvanizar a comunidade científica coa hipótese de que enfermidades neurodexenerativas moi prevalentes, como a de Alzheimer, están provocadas por prións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2018.