Pasar al contenido principal

Rocío Leira recolle esta tarde o Premio Relato Curto de Alumni USC

Rocío Leira recolle esta tarde o Premio Relato Curto de Alumni USC
Rocío Leira recolle esta tarde o Premio Relato Curto de Alumni USC

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni) celebra este martes a entrega do XII Premio de Relato Curto a Rocío Leira Castro (Cee, 1979) polo traballo ‘Paxaros caídos’. Será ás 19.30 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía (Mazarelos).

Nesta edición o xurado estivo formado polo xornalista Xesús Fraga, a médica Raquel Fernández, a gañadora da anterior edición, María González, e Mª del Mar Fernández, representante de Alumni USC. Todos e todas asisten ao acto, no que tamén participan o director territorial de HM Hospitales patrocinador do premio, Rafael Silva, e o escritor compostelán Héctor Cajaraville, que charlará sobre o xénero do relato curto.

Dotado con 500 euros, o xurado decidiu conceder por unanimidade o premio a Rocío Leira logo de valorar a trintena de textos presentados a esta convocatoria. Do texto gañador destacou a boa planificación da historia, que consegue comunicar as emocións con gran precisión, a coidada estética, o léxico elaborado, a conxugación das disciplinas da música e a literatura, e un final suxestivo.

“Trátase dun relato que baixo a estrutura dunha narración infantil fala dunha problemática de gran calado social como é a violencia de xénero”, explica a súa autora, para quen o premio supón “ unha gran satisfacción, tanto no plano literario como no afectivo, porque como ex alumna da USC síntome moi próxima á entidade que o convoca, e a nova do galardón fixo aflorar en min recordos dunha etapa marabillosa”.

Rocío Leira Castro (Cee, 1979) é licenciada en Matemáticas e actualmente dirixe en Santiago un centro de formación para alumnado universitario. Posúe un extenso currículo de premios en distintos formatos narrativos, pero tamén de poesía. Ademais ten publicados dous libros infantís, así como un poemario para adultos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2018.