USC e UVigo ofrecen 24 prazas para o Máster Interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados
O Máster Oficial Interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados que impartirán o vindeiro curso 2018-2019 a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica do Espazo, emprazada no campus de Ourense da UVigo, ofrecerá un total de 24 prazas, ás que poderán acceder estudantes ou profesionais que previamente teñen completado unha enxeñaría ou a licenciatura ou grao en Física.
A profesora do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo Mariluz Gil Docampo e Higinio González, docente e investigador do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo, presentaron este mércores nas instalacións do Aeródromo de Rozas, localizado no concello lugués de Castro de Rei, este novo e singular posgrao oficial do Sistema Universitario de Galicia.
O Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados é un título novo orientado a persoas que xa tituladas en Enxeñaría e ou Física que estean interesadas en orientar a súa carreira profesional cara ao mundo dos drones, tanto no eido da empresa privada como no marco das administracións, segundo indicaron Gil e González. O novo posgrao, engadiron, xurde en resposta á demanda existente no mercado e desenvólvese en parello ao despegue que está a experimentar este sector do eido da aeronáutica, engadiu Gil Docampo.
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, e a directora do Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) de Rozas, Neves Seoane, que tamén participaron no acto de presentación deste máster celebrado nas instalacións do Aeródromo de Rozas, aproveitaron as súas respectivas intervencións para explicar a posta en marcha por parte de GAIN da Iniciativa Civil UAS, así como do impulso que está a dar a Administración autonómica ao Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE). Seoane explicou asemade o proceso de creación do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas e os seus cometidos. A profesora e secretaria académica da EPS de Enxeñaría da USC, Montserrat Valcárcel, e o director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica do Espazo do campus de Ourense da UVigo, Arno Formella, tamén participaron nesta sesión de presentación do máster.
Estrutura, materias e respaldo empresarial ao máster
O Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados é un posgrao oficial de carácter presencial que está estruturado en 60 créditos ECTS e que se imparte ao longo dun curso. Trátase dun título de marcada orientación profesional integrado por un total de 12 materias, das que cada alumno/a deberá cursar seis (250 horas presenciais). A esta carga lectiva cómpre sumar a elaboración do TFM (Traballo Fin de Máster), así como a realización dun período de prácticas en empresas do sector. De feito, son máis de 30 as empresas que apoian a posta en marcha deste programa oficial de posgrao.
O programa de estudos do máster presenta un módulo común e contempla dúas especialidades: unha de orientación de operacións, que lidera a USC, e outra sobre desenvolvemento de sistemas, que se impartirá na Universidade de Vigo. O alumnado matriculado no máster poderá seguir as distintas sesións formativas que se celebren na USC ou na Universidade de Vigo de xeito presencial ou ben a través de videoconferencia, en función do campus universitario no que se atope.
A especialidade do Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados que se impartirá na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC e no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información de Santiago, é a de Aplicacións na xestión dos recursos da Terra. Esta especialidade inclúe cinco asignaturas: Aplicacións no sector agroforestal, Recursos Naturais, Xestión do Territorio e Urbanismo, Enxeñaría Civil, Industrial e Arquitectura, e Visión por Computador para UASS.
As persoas que completen a formación incluída neste módulo adquirirán as competencias necesarias para o desenvolvemento de proxectos técnicos no eido da enxeñaría e dos RPAS en diferentes sectores, tales como a agricultura de precisión e agricultura dixital, xestión dos recursos naturais, xestión de datos e análise territorial, levantamento e seguimento de obra civil, obra de edificación, industrial... ou en técnicas de intelixencia artificial para o procesado de imaxe e vídeo.
Mariluz Gil e Higinio González, coordinadores do máster na USC e UVigo, respectivamente