Ciencias da Comunicación promove no Día Mundial da Radio o uso deste medio como recurso transversal no ensino
Os estudios de radio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC abriron este luns 13 as súas portas a estudantado de primaria e secundaria de diferentes centros educativos coa vontade de que no Día Mundial da Radio, que se celebra dende 2011 por iniciativa da UNESCO, puidesen coñecer de primeira man como se traballa neste medio de comunicación. O reitor da USC, Antonio López, participou nesta actividade onde tivo a oportunidade de partillar a súa percepción do medio radiofónico co alumnado participante. Xunto a el, visitaron os estudios radiofónicos o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde do Concello de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo. A vicedecana Alba Silva tamén estivo presente xunto a profesorado deste centro da USC.
Con esta proposta —na que participa tamén a Universidade de Vigo e distintas canles profesionais como Radio Tui, Radio Allariz, Radio As Nogais, Radio Burela ou a Radio Afifense en Portugal—, a asociación cultural e pedagóxica ‘Ponte... nas ondas!’ (PNO!), promotora da iniciativa, quere dar pulo ao uso do medio radiofónico nos centros de ensino como un recurso de carácter transversal cara á mellora das competencias comunicativas e dixitais do alumnado.
O labor de PNO! botou a andar en 1995 para achegar ao estudantado galego e portugués na preservación, difusión e transmisión do patrimonio común. Esta iniciativa recibiu numerosas distincións ao longo da súa andadura, entre as que se atopan o Premio Galicia de Comunicación (2005), o Premio Ondas (2014) ou o recoñecemento da UNESCO como ONG consultora para o Patrimonio Inmaterial.