Máis de 250 estudantes de sete centros de ensino medio coñecen a oferta de estudos e servizos do campus de Lugo
Máis de 250 estudantes de ensino medio procedentes de sete centros educativos de ensino medio das provincias de Lugo e da Coruña (CIFP As Mercedes, CPI Dr. López Suárez de Friol, CPI Luis Díaz Moreno de Baralla, CPI Pecalama de Tordoia, Ies da Terra Chá, Ies Sanxillao e Ies Lucus Augisti) coñecen este xoves a oferta académica e os servizos que oferta a USC na sede universitaria luguesa no marco da segunda quenda de visitas organizadas no marco dos ‘Encontros no Campus Terra da USC’, unhas xornadas informativas e de convivencia promovidas polo programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, recibiu aos novos visitantes no auditorio Enrique Antonio González García da Facultade de Veterinaria, cun breve acto de presentación no que tamén participou o coordinador no campus de Lugo do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, o profesor Francisco Javier López González, así como estudantes universitarios e persoal e docentes das diversas escolas e facultades do campus de Lugo, que, en quenda de mañá, acompañarán ao alumnado preuniversitario nas visitas que realicen aos diversos centros e instalacións da sede universitaria luguesa.
Valcárcel aproveitou este breve encontro co alumnado de ensino secundaria e Bacharelato para salientar as múltiples potencialidades que agroma a sede universitaria luguesa da USC, “un campus punteiro no ámbito docente e de I+D que camiña carda a sustentabilidade e que é capaz de canalizar e dar resposta ás grande sensibilidade medioambiental que manifestan as novas xeracións de mozos e mozas”.
“O campus de Lugo da USC ofrece na actualidade 14 títulos de grao, unha oferta diversa e completa que aumentará nos próximos cursos”, dixo o coordinador do programa ‘A Ponte’ na sede luguesa, Javier López González, para, de seguido, facer fincapé nalgunha das vantaxes que reporta o feito de estudar nun campus non masificado, tal e como é “o ensino personalizado e o contacto directo profesor-alumno”, afirmou.
Unha vez rematado o acto de benvida, durante o que todos/as participantes asistiron a unha breve explicación sobre o campus de Lugo, as súa configuración e os distintos itinerarios formativos e de investigación que ofrece, os/as estudantes preuniversitarios, distribuídos ben por centros de procedencia ou en grupos en función das súas preferencias académicas, visitaron as distintas facultades e escolas do campus de Lugo, onde, ademais de coñecer as instalacións universitarias, desenvolveron diversos obradoiros e actividades en compañía do profesorado de cada centro.