Luisa Cuesta súmase á galería de mulleres destacadas na USC
Co gallo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres, a Biblioteca Concepción Arenal decidiu homenaxear a Luisa Cuesta, que fora bibliotecaria na USC entre 1921 e 1930 ademais da primeira alumna matriculada nos estudos de Dereito nesta Universidade.
Desde hoxe unha das aulas de formación do centro levará o seu nome, do que dá constancia a placa que esta mañá descubriron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a directora da biblioteca de Ciencias da Comunicación, Lourdes Pérez, e a vicedecana da Facultade de Dereito, Marta Otero Crespo.
Luisa Cuesta foi un “exemplo de muller moderna” –tal e como reza a placa conmorativa– que se enfrontou ás condicións socioeconómicas da muller de principios do século XX para protagonizar unha brillante carreira como docente, investigadora e, sobre todo, bibliotecaria, reflectida nunha obra bibliográfica importante que abarca temas que van desde a investigación histórica ata o feminismo e, xa na súa última etapa, a historia da imprenta.
Mestra superior e funcionaria do corpo de bibliotecarios, traballa na Biblioteca da USC ata 1930, cando marcha a Madrid destinada á Biblioteca Nacional que dirixiu en 1937. Foi perseguida e purgada por ser contraria ao réxime fascista ata que foi readmitida en 1945, onde vivirá marxinada ata a súa xubilación.
O seu paso por Santiago deixou pegada. Ao chegar á cidade matriculouse en Dereito, sendo a primeira muller que o facía. Cursou 15 materias nesa facultade, 11 delas avaliadas con sobresaliente, pero a pesar do seu extraordinario currículo os seus pasos profesionais ficaron vencellados ao mundo das bibliotecas, con importantes traballos na conformación da Biblioteca América da USC.
Na súa estadía en Galicia, ademais de impartir docencia na Facultade de Filosofía e Letras e de manter relación co Seminario de Estudos Galegos, publica estudos dedicados a cuestións americanistas, sobre todo relacionados coa colonización e emigración.