Pasar al contenido principal

A oitava edición do CO(M)XÉNERO reflexionará arredor do videoensaio

Cartel do foro
Cartel do foro
O Seminario Permanente de Comunicación e Xénero, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais, mantén aberto de balde o prazo de inscrición ata o 5 de marzo
Santiago de Compostela

Os cinemas do eu e dende o eu, o cine proceso como fórmula reflexiva, o cine ensaio como método de pensar o mundo a través das imaxes e como método para deixar que as imaxes recuperen o seu peso serán as prácticas que se abordarán na oitava edición do CO(M)XÉNERO, Seminario Permanente de Comunicación e Xénero, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.  

Baixo o lema ‘Videoensaio: cinema menor?’ o foro servirá para reflexionar arredor  da liberdade e heteroxeneidade desta práctica vencellada ao cinema feminista dende as súas orixes; e xogará coas reflexións de Deleuze e Guattari en Kafka. Pour une littérature mineur “para considerar este tipo de ensaio coa cámara como cine político e con arume  colectivo, como cine que constrúe espazos de emancipación”, explican dende a organización.

Logo da benvida a cargo da profesora Margarita Ledo, Ana Mejón achegará, na primeira das xornadas que se desenvolve o 6 de marzo, a experiencia da revista Tecmerin, destacada por Sight and Sound polos seus contidos desenvolvidos a través de videoensaios; mentres que Xisela Franco proporá, na sesión do día 7 e dende a súa propia praxe, técnicas de traballo para ensaiar cos xéneros do eu.  

A actividade está aberta ao público en xeral, pero diríxese especialmente a profesionais e persoal investigador no ámbito das ciencias da comunicación, estudantes do programa de doutoramento en Comunicación e Información Contemporáneas e estudantes dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo. Pódese solicitar praza de balde ata o vindeiro 5 de marzo a través do formulario de inscrición.

Esta edición está financiada con fondos da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2019 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA.

Cartel co programa completo
Cartel co programa completo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2023.