Pasar al contenido principal

Reyes Laguna toma posesión como decana de Farmacia coa ollada posta nas infraestruturas, a dinamización e a calidade

A profesora Laguna Francia é catedrática de Farmacoloxía. FOTO: Santi Alvite
A profesora Laguna Francia é catedrática de Farmacoloxía. FOTO: Santi Alvite
A profesora releva no cargo a Francisco Otero Espinar, quen pronunciou un discurso de agradecemento á comunidade universitaria do centro no acto institucional presidido polo reitor Antonio López
Santiago de Compostela

A profesora Reyes Laguna Francia terá como eixos de actuación de cara aos vindeiros catro anos, á fronte da Facultade de Farmacia, a mellora das infraestruturas, a dinamización da vida universitaria e a calidade. Así o afirmou no acto de toma de posesión que se desenvolveu este venres 24 no Salón de Actos e no que o decano saínte, Francisco Otero Espinar, pronunciou un discurso de despedida e agradecemento dirixido ao conxunto da comunidade do centro. A sesión estivo presidida polo reitor Antonio López e contou coa participación da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, quen deu lectura ao nomeamento.

O reitor iniciou a súa intervención cunha lembranza para o aniversario do inicio da guerra con Ucraína ante o que engadiu o seu desexo de superar máis pronto que tarde esta situación e as súas consecuencias. Do novo equipo decanal, Antonio López destacou que se trata dun equipo plenamente feminino, o cal non é fácil, nin sempre foi así, afirmou, para despois poñer en valor a figura de Manuela Barreiro, primeira muller que rematou os seus estudos de Farmacia na USC, en 1901, cando o acceso das mulleres estaba suxeito a condicións administrativas previas. 

Farmacia é un centro que está aliñado coa filosofía da futura lei orgánica  do sistema universitario que aposta pola transferencia do coñecemento, continuou a relatar o reitor. Feito, dixo, que debe redundar en que a investigación e o coñecemento sirvan para mellorar a vida e dar solucións a retos presentes e futuros. O reitor destacou que este é un centro especialmente comprometido neste eido como se comproba polas múltiples start up promovidas polos seus investigadores, así como polas numerosas colaboracións con outras administracións. Este potencial é un elemento que asegura a relevancia desta Facultade tanto en perspectiva estatal como internacional. 

O reitor rematou sinalando que a construción que acollerá a Facultade de Farmacia é unha preocupación prioritaria para o goberno da Universidade. Neste sentido, sinalou que o equipo responsable da redacción do proxecto básico de execución está traballando para acelerar o máximo posible os prazos previstos e empezar as obras coa maior axilidade. Antonio López agradeceu a paciencia de toda a comunidade do centro que soubo soportar unha situación complexa sen ceder nunha postura lexítima pero achegando colaboración e unha actitude construtiva.   

Infraestruturas 

Reyes Laguna iniciou o seu discurso no capítulo das infraestruturas. A nova decana deu as grazas ao reitor e ao seu equipo de goberno xa que, dende o comezo do seu mandato, deron os primeiros pasos para que Farmacia dispuxera dun novo edificio a través das Liñas Xerais de Programación Plurianual 2019-2022, que incluían a construción dun novo centro para a área das Ciencias da Saúde; e coa convocatoria dun concurso de ideas para a selección dun proxecto para o devandito centro, que —entre outros usos— albergaría unha nova Facultade de Farmacia. 

“A resolución do concurso de ideas da Cidade da Saúde supón un paso máis no longo camiño para dispoñer da nova Facultade de Farmacia, onde por fin o alumnado terá un referente moi relevante durante a vida universitaria e gozará da xa esquecida posibilidade de convivencia entre compañeiros de distintos cursos”, afirmou a profesora Laguna Francia. Ademais, a decana quixo subliñar que, malia as debilidades vividas nos últimos anos por mor das infraestruturas, “a Facultade de Farmacia é por tradición e relevancia, un dos buques insignia da USC e conta con gran prestixio tanto a nivel nacional como internacional, e tanto docente como investigador”. Esta afirmación vese referendada, tal e como continuou a relatar, pola elevada nota de corte de acceso ou na sobranceira posición obtida polo centro nas clasificacións de maior prestixio. 

Dinamización

“Somos un centro complexo no que se imparten cinco titulacións”, dixo Reyes Laguna en relación ao grao en Farmacia, dobre grao en Farmacia e Óptica e Optometría, mestrado en I+D de Medicamentos, mestrado interuniversitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía, ademais dun curso de especialización en Ortopedia. En suma, o centro conta con arredor de 1.200 alumnos e alumnas, así como cun cadro docente integrado por 200 persoas. Neste senso e logo de destacar tamén a proxección investigadora da Facultade, a decana centrou outra parte do seu discurso na importancia de dinamizar a vida universitaria. Promover a realización de charlas, encontros, xornadas e a divulgación da investigación realizada polos grupos serán retos para este novo mandato, alén de apoiar os convenios con empresas para a realización de prácticas externas curriculares optativas. 

Calidade 

Obter a acreditación institucional que permita acreditar simultaneamente todas as titulacións do centro evitando alternancias temporais, así como o reto de organizar as probas de avaliación clínica obxectiva do desempeño do estudantado ante situacións asistenciais simuladas, as denominadas ECOE, son algúns dos horizontes descritos pola nova decana no eido da calidade e ao que se suma adaptar o grao de Farmacia á lexislación vixente. 

A necesidade de fomentar a comunicación fluída co estudantado e acometer o relevo xeracional do cadro docente foron outras das cuestións nas que se detivo a profesora. As vicedecanas María Paz García Martínez e Raquel Sendón García completan o equipo de goberno xunto á secretaria, Matilde Casas Parada. 

Otero Espinar

“Farmacia é unha facultade singular, con mais de 165 anos de historia. Unha das primeiras de España e única no noroeste peninsular”. Así se referiu Francisco Otero Espinar, no seu discurso de despedida, ao centro que dirixiu nos últimos anos, andaina non exenta de dificultades no relativo ás infraestruturas e na que “loitamos e traballamos arreo” coa vontade de que “continuara funcionando e formando a excelentes profesionais farmacéuticos”, alén de manterse como “referente no espazo nacional e internacional tanto en docencia como en investigación”. Otero Espinar lembrou como o seu equipo de goberno deu conta das necesidades básicas de cara ao proxecto de centro de Ciencias da Saúde e posteriormente participou no xurado do concurso de proxectos convocado “con gran éxito” pola Universidade. 

Currículo

Catedrática de Farmacoloxía no departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, a nova decana recibiu numerosos galardóns ao longo da súa dilatada traxectoria académica. Este é o caso do premio nacional de investigación farmacéutica outorgado polo Consejo General de Colegios Oficiales Farmacéuticos (CGCOF) ou o premio Caja de Ahorros Municipal de Burgos ao mellor proxecto de tese de doutoramento.

Reyes Laguna inicia a súa andaina académica na USC como profesora axudante de farmacoloxía, no primeiro e segundo ciclo. Ao longo de 1993 e 1994 desenvolve a súa actividade investigadora en Francia, no Hôpital Cochin Port Royal e na Faculté de Pharmacie René Descartes da Université Paris V. En 1997 obtén a praza de profesora titular de Universidade no ámbito da Farmacognosia.

Integrante do GI-1862 FIFAEC Fisioloxía e Farmacoloxía das Enfermidades Crónicas, é autora de máis de 150 comunicacións en congresos, artigos en revistas JCR, libros e capítulos de libro; tamén participou en máis de 30 proxectos, estatais e internacionais, de investigación. Foi directora e codirectora de máis de 50 traballos de investigación entres teses doutorais, TFM e TFG.

Coordinadora do mestrado universitario en I+D de Medicamentos de 2015 a 2017; a profesora Laguna foi vicedecana de Calidade e Relacións Exteriores da Facultade de Farmacia dende 2017; Responsable Académica de Mobilidade (RAM) e coordinadora de mobilidade Erasmus en sete universidades europeas; e representante da Conferencia General de Decanos de Facultades de Farmacia españolas no FORO de Atención Farmacéutica en Farmacia Comunitaria (FORO-AF-FC) do Consejo General de Colegios Oficiales Farmacéuticos dende 2017.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2023.