Pasar al contenido principal

A vida nos centros recibirá un novo pulo cunha vintena de proxectos de dinamización xestionados polo alumnado

Á hora de seleccionar os proxectos tívose en conta o impacto potencial da actividade na comunidade estudantil da USC. FOTO: Santi Alvite
Á hora de seleccionar os proxectos tívose en conta o impacto potencial da actividade na comunidade estudantil da USC. FOTO: Santi Alvite
A Gala Deportiva e Cultural da Facultade de Psicoloxía que se desenvolve este luns 6 coa participación de 280 estudantes é o primeiro exemplo das iniciativas financiadas ao abeiro dunha convocatoria da vicerreitora de Estudantes e Cultura coa que se pretende “facer comunidade” e fomentar a “toma de responsabilidade”
Santiago de Compostela

“Dinamizar a vida universitaria dos centros a través da creación dunha axenda de actividades baseada nos intereses do alumnado”. Con estas verbas define a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, o obxectivo da primeira edición das Axudas destinadas ao desenvolvemento de proxectos de dinamización físico-deportiva e cultural ás que a USC destinou 50.000 euros. A Gala Deportiva e Cultural da Facultade de Psicoloxía que se desenvolve este luns 6 é o primeiro exemplo da vintena de iniciativas financiadas ao abeiro desta convocatoria e que se irán desenvolvendo ao longo deste ano. 

Pilar Murias subliña que a vocación desta convocatoria é “facer grupo”, así como dar pulo a unha “cultura participativa”. “Estamos moi ilusionados por fomentar unha mecánica de participación tan directa co alumnado”, explica en relación a este programa inédito no seo da Universidade xa que a xestión das actividades corre a cargo do propio estudantado, que non só ten a oportunidade de acudir a algo que é do seu interese, senón tamén “tomar a responsabilidade” da súa organización. Ademais, cultura e deporte danse a man no marco desta iniciativa permitindo, tal e como explica o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, “que as actividades deportivas gañen peso dende os propios centros”, sempre co apoio da Área Deportiva da USC. 

Facultades, escolas, calquera residencia ou colexio maior da USC, así como o Consello do Estudantado tiveron a oportunidade de propoñer e solicitar o apoio económico da Vicerreitoría para desenvolver actividades de dinamización de carácter físico-deportivo ou cultural. Ademais, cada proxecto presentado tivo que contar cun mínimo de avais de estudantes, garantía de que fose unha iniciativa que realmente estivese en consonancia cos intereses do alumnado. 

Á hora de seleccionar os proxectos tívose en conta o impacto potencial da actividade na comunidade estudantil da USC, a implicación do estudantado na organización das actividades, a cooperación de varios centros na realización dos proxectos, o deseño de proxectos que comprendan varias actividades cun mesmo eixo vertebrador, a previsión do impacto ambiental das actividades en termos de aforro enerxético ou xeración de residuos, entre outros; así como a descrición das medidas para garantir a equidade de xénero e a aplicación da perspectiva de xénero en cada proxecto. 

Facultade pioneira

Psicoloxía é o primeiro centro en poñer en marcha o seu propio proxecto a través da Gala Deportiva e Cultural que se celebra este luns 6 a partir das 15.00 horas, no Pavillón de Deportes. Un torneo de brilé e un partido de fútbol co equipo do Deportivo de A Coruña da Liga Genuine integran este nutrido programa de actividades que, a partir das 18.00 horas, trasládase ata o salón de actos da Facultade para acometer un certame de talentos e habilidades ao que lle segue unha entrega de galardóns. 

“A través desta iniciativa da Vicerreitoría, dende o decanato e en colaboración co profesor Constantino Arce propuxemos ao estudantado a posibilidade de crear unha actividade propia, coa única condición de que a organización e os contidos das actividades deberían ser propostos e executados polos propios estudantes”, explica a decana María José Sampedro Vizcaya en relación a esta Gala na que están implicados uns 280 alumnos e alumnas. “O obxectivo que se pretende acadar con esta actividade é dinamizar a vida universitaria e lograr unha maior cohesión entre todos os actores, estudantado e profesorado, así como reforzar o sentimento de pertenza e o vínculo coa nosa institución”, engade.

O grupo organizador deseñou un vídeo para mostrar as distintas actividades propostas aos seus compañeiros. “Contaron coa colaboración do profesorado que cedeu uns minutos das súas clases para que puideran ir polas aulas presentando a proposta inicial e un formulario de pre-inscrición para valorar o interese do alumnado por este tipo de actividades”, relata a decana. Nese primeiro contacto xa lograron acadar máis de 150 respostas. Dúas semanas máis tarde, o equipo organizador da actividade, volveu a percorrer as aulas para presentar o programa definitivo coas actividades que suscitaran un maior interese e que se desenvolven ao longo deste luns.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.03.2023.