A Deputación da Coruña alíase coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña para apoiar o emprendemento innovador con base tecnolóxica
Os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, Antonio López e Julio Abalde asinaron este luns co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso un convenio de colaboración para a ampliación do capital social de Unirisco, a sociedade de capital risco participada por ambas institucións académicas para impulsar na provincia da Coruña a creación de novas empresas innovadoras con unha importante base tecnolóxica. A Deputación compromete neste acordo unha achega económica de 400.000 €, coa finalidade de financiar a participación das universidades de Santiago e da Coruña na ampliación de capital de UNIRISCO GALICIA.
Esta sociedade ten como misión fundamental contribuír a incrementar a transferencia de coñecementos das universidades e centros de investigación ao mundo empresarial, achegando financiamento, participando no capital e concedendo préstamos a proxectos emprendedores baseados en ciencia e tecnoloxía. Tanto a Universidade de Santiago como a de A Coruña son socias fundadoras e participan no accionariado desta sociedade.
En base a este acordo, a ampliación de capital permitirá priorizar empresas radicadas na provincia da Coruña pertencentes a sectores considerados estratéxicos como a biotecnoloxía, farmacoloxía, tecnoloxías da saúde e da información e as comunicacións, sector agroalimentario, industria 4.0, economía circular ou novas formas de enerxía e sustentabilidade. Tanto o presidente da Deputación coma os reitores das universidades salientaron a necesidade de apostar decididamente pola innovación e as novas tecnoloxías, favorecendo ecosistemas de emprendemento de base tecnolóxica. Neste senso, Antonio López lembrou que Unirisco é unha iniciativa “que leva vinte anos funcionado e que impulsa proxectos emprendedores que teñen base no coñecemento que se xera nas universidades galegas e que se converten en empresas. Unha fórmula de éxito que fixo que fose necesario ampliar o capital”.
Pola súa banda, Valentín González Formoso subliñou o “firme compromiso da Deputación nun tema clave como é a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa, que supón en definitiva unha aposta polo talento da nosa xente moza para impulsar proxectos empresariais que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia”. O reitor da UDC, Julio Albade, remarcou que “as universidades galegas fomos pioneiras nesta ámbito, xa que Unirisco foi a primeira empresa de capital risco universitaria do Estado Español”. “É importante que sigamos avanzando neste eido, porque nos axuda a reter o talento que tanto necesitamos en Galicia e é unha boa nova que a Deputación da Coruña aposte claramente polo emprendemento e por consolidar aquí empresas, algunhas xa referentes no seu ámbito. O importante é que traballamos conxuntamente polo futuro da nosa sociedade”, afirmou Abalde.