Pasar al contenido principal

A comisión avaliadora da Eaeve destaca a calidade da docencia e a implicación do profesorado na Facultade de Veterinaria da USC

Integrantes da comisión avaliadora da Eaeve co equipo decanal e profesores da Facultade de Veterinaria
Integrantes da comisión avaliadora da Eaeve co equipo decanal e profesores da Facultade de Veterinaria
O campus virtual, as infraestruturas e o forte apoio institucional e social ao centro lugués son outras fortalezas salientadas no informe previo da acreditación europea

A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC avanza con solvencia no proceso de renovación da acreditación internacional expedida pola da Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria (Eaeve), logo do informe provisional comunicado pola presidenta da comisión deste órgano europeo que avaliou in situ a semana pasada o centro universitario lugués. Neste comunicado inicial, que será a base do informe definitivo que elevará ao comité directivo da Eaeve, a experta norueguesa en hixiene e inspección de alimentos, Yngvild Wasteson, manifestou a “positiva impresión” que leva da visita ao tempo que salientou algunhas das fortalezas que presenta a Facultade de Veterinaria da USC

A comisión avaliadora, salientou Wasteson, está gratamente sorprendida pola calidade da docencia impartida na Facultade de Veterinaria da USC, así como pola enorme dedicación do seu profesorado. Esta implicación do cadro docente non só está contrastada polo propio alumnado, senón que tamén se traduce no bo funcionamento do campus virtual do centro e na óptima implementación e desenvolvemento de programas e-learning.

As instalacións coas que conta a Facultade de Veterinaria da USC son tamén magníficas, segundo se recolle neste informe provisorio, no que a delegación internacional da Eaeve desprazada ata o campus de Lugo deixa constancia de que este centro universitario conta cunhas infraestruturas e servizos acordes aos parámetros de calidade esixidos pola Eaeve para o seu recoñecemento como centro de excelencia na formación veterinaria no contexto europeo

O respaldo social e das administracións públicas locais, provinciais e autonómicas á Facultade de Veterinaria de Lugo é outro dos aspectos salientados como fortalezas dun centro universitario que sorprendeu a todos os membros do comité por entender o benestar persoal do alumnado, alén da súa formación e capacitación para o exercicio profesional, como eixe transversal da súa actividade, comentou Yngvild Wasteson.

Nunha valoración inicial que cualificou de “xusta e acorde á realidade do centro”, Yngvild Wasteson apuntou o bo lugar no que se atopa a Facultade de Veterinaria da USC para renovar por segunda vez a acreditación outorgada pola Eaeve, un selo de calidade e recoñecemento internacional acadado polo centro universitario lugués no ano 2002 e renovado por vez primeira en 2008 por un período de 10 anos.

As impresións transmitidas pola comisión avaliadora da Eaeve á Facultade de Veterinaria de Lugo, unha análise centrada en certificar a veracidade da información achegada previamente polo centro universitario lugués e que abrangue un total de 11 estándares cos seus respectivos indicadores (organización, finanzas, plan de estudos, infraestruturas e equipamento, recursos animais, recursos docentes, admisión e atención ao estudantado, sistemas de avaliación do alumnado, persoal docente e de administración e servizos, investigación, programas de formación continúa e posgrao, e sistemas de garantía interna de calidade), son cando menos alentadoras. Aínda así, esta comisión da Eaeve tamén fixo algunha suxestión orientada a superar os cada vez máis esixentes parámetros de calidade esixidos pola Eaeve, que emitirá o seu informe definitivo a finais do mes de novembro ou comezos de decembro.

O decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, apuntou que as principais suxestións recibidas deste comité da Eaeve afectan á mellora dos estándares de casuística en equino e porcino, unhas advertencias que xa prevían desde o centro universitario lugués. Aínda así, un cauto Santamarina Pernas comentou que o equipo de dirección da Facultade agardará a recepción do informe definitivo da Eaeve para acordar a deseñar as estratexias de actuación acaídas para satisfacer e dar cumprimento ás recomendacións que se reciban, xa que, a priori, todo indica que serán actuacións perfectamente factibles para o centro universitario lugués, concluíu.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.10.2018.