Pasar al contenido principal

A Valedoría do Pobo premia dous traballos da USC sobre xestación subrogada e deporte feminino

De esquerda a dereita, Cinthia Piñeiro, María Xosé Porteiro, Carmen Castrillo, Dolores Fernández Galiño e Ana Souto. FOTO: Valedoría do Pobo
De esquerda a dereita, Cinthia Piñeiro, María Xosé Porteiro, Carmen Castrillo, Dolores Fernández Galiño e Ana Souto. FOTO: Valedoría do Pobo
Os traballos fin de grao de Carmen Castrillo Sotelo e Cinthia Piñeiro Acevedo foron distinguidos no marco desta convocatoria que conta co apoio das tres universidades públicas galegas en materia de igualdade e dereitos das mulleres
Santiago de Compostela

O xurado da terceira edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de mestrado (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres acaba de recoñecer dúas investigacións da USC. En concreto, Carmen Castrillo Sotelo e Cinthia Piñeiro Acevedo foron premiadas na modalidade de TFG. Na modalidade de TFM, distinguiuse a alumna da UDC, Ana Souto Mínguez.

Deporte con perspectiva de xénero

‘Quen son elas? O deporte galego dende a perspectiva de xénero’ é o título do traballo presentado pola xornalista Cinthia Piñeiro, quen entrevistou a 11 deportistas coa vontade de dar visibilidade a figuras femininas que destacan en deportes minoritarios. “Eu son de Moraña, preto de Caldas de Reis, concello do que é orixinaria Antía García, campioa do mundo de Salvamento e Socorrismo. Ver a pouca repercusión mediática que se lle deu a toda unha campioa do mundo serviume de idea para abordar o deporte galego dende a perspectiva de xénero”, relata.

“Para min foi moi emocionante gañar este galardón”, engade. No traballo, ademais de entrevistar a mulleres sobranceiras do deporte galego como Lidia Parada, Ainhoa Lameiro ou a propia Antía García, Cinthia tamén realiza un percorrido histórico pola discriminación entre homes e mulleres no contexto deportivo. Para a autora, “dar voz” a estas deportistas resulta crucial á hora de incorporar a perspectiva de xénero neste eido.  

Xestación subrogada

O contrato asinado entre unha familia que desexa ter un fillo e unha persoa xestante a través dun ventre de alugueiro, ou cunha axencia que actúe de intermediaria, é o xerme do TFG da graduada en Dereito, Carmen Castrillo Sotelo. Baixo o título ‘A xestación por substitución no Dereito civil español: a aceptación tácita dos efectos dun contrato nulo’, a autora profunda neste tipo de contrato e conclúe que non ten cabida no ordenamento xurídico español porque “atenta contra a dignidade da persoa xestante, así como do menor que está a ser tratado como un obxecto contractual”.

Ademais, o estudo pon o foco en que esta é tamén unha “práctica discriminatoria con respecto ás familias que optan pola vía da adopción” xa que as persoas que teñen un fillo no estranxeiro por xestación subrogada logran legalizar a situación do menor en España a través da obtención dun permiso parental que acaba por convertelos en pais adoptivos sen ter que pasar por todo o proceso que atravesan as familias que optan de inicio pola vía adoptiva. “Creo que é un gran logro e para min supón un orgullo xa non só por tratarse dun premio outorgado pola Valedora, senón tamén porque se trata dun galardón que pon o foco na perspectiva de xénero”, conclúe a autora ao coñecer a concesión do premio.

Xuntanza coa Valedora

Unha vez coñecido o ditame do xurado, a valedora Dolores Fernández Galiño mantivo unha xuntanza coas gañadoras na que participaron tamén a súa adxunta María Xosé Porteiro; María Castro, asesora de igualdade; e María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia. As gañadoras relataron os motivos polos que elixiron cadanseu tema, as dificultades que atoparon e as aprendizaxes que lles supuxo profundar neles. Dolores Fernández Galiño felicitounas e animounas a seguir adiante no empeño en contribuír a superar as desigualdades e construír unha sociedade máis xusta. As tres investigacións serán publicadas na web da Valedora do Pobo, no espazo Falamos de Feminismo, cumprindo o estipulado nas bases da convocatoria.

As tres universidades públicas galegas foron as responsables de convocar xunto coa Valedoría do Pobo a terceira edición dos premios aos mellores TFG e TFM en materia de igualdade e dereitos das mulleres. Os traballos que concorreron á convocatoria foron lidos, defendidos ou xulgados e aprobados, ante calquera universidade galega durante o curso académico 2021/22.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2023.