Pasar al contenido principal

As II Xornadas Internacionais Educación, Xénero e Igualdade debaten Políticas públicas e violencia contra as mulleres

De esquerda a dereita, Rita Radl, Marta Lois, Mar Lorenzo e Carmen Fernández. Foto. Servimav-USC
De esquerda a dereita, Rita Radl, Marta Lois, Mar Lorenzo e Carmen Fernández. Foto. Servimav-USC
O programa impulsado polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (Cifex) desenvolverase este martes en Ciencias da Educación

As políticas públicas e a violencia contra as mulleres centran este martes a temática das xornadas de ‘Formación, educación, xénero e igualdade’ promovidas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (Cifex) da USC e que se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Vida). O programa, xa na súa décima edición, dá continuidade á actividade de formación e divulgación promovida desde hai máis de tres lustros polo Cifex da USC, segundo indica a directora deste centro de investigación da USC, Rita Radl.

Nesta ocasión, o debate está focalizado en aspectos significativos das políticas públicas en relación coa problemática da violencia contra as mulleres. O programa das xornadas afonda así na cuestión da prostitución como forma de violencia, se cabe extrema contra as mulleres, ao tempo que aborda as medidas e políticas no ámbito da Universidade referente á temática da violencia e ao acoso en función do xénero.

A dimensión educativa constitúe outros dos aspectos a salientar destas xornadas, cuxos promotores pretenden tamén favorecer o debate e a toma de conciencia para avanzar tanto no coñecemento como na modificación da práctica social, a fin de solucionar a problemática da violencia de xénero, unha realidade lamentablemente relacionada coa dinámica das sociedades actuais.

Programa
A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, presidiu a sesión inaugural na Facultade de Ciencias da Educación da USC, no marco dun acto no que tamén interviñerán a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois González; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante; e a propia Rita Radl, en calidade de directora do Cifex.

A profesora de Socioloxía e directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Agueda Gómez Suárez, abriu a quenda de intervencións co relatorio ‘Prostitución e gramática sexual do putero no noso tempo’. Deseguido, a propia Gómez Suárez participa xunto coas responsables das oficinas de Igualdade de Xénero da USC e da UDC, Eva Aguayo e Ana Jesús López Díaz, respectivamente, nunha mesa de debate sobre medidas políticas no seo da universidade referidas a violencia e acoso en función de xénero.

O programa das xornadas continua en quenda de tarde cunha mesa de debate sobre as múltiples formas de violencia contra as mulleres e o valor preventivo da educación. A profesora da USC Begoña Gómez Vázquez modera este coloquio, no que interveñen como relatores o vicepresidente da Cátedra de Estudos de Xénero do Instituto Superior Mineiro Metalúrxico de Moa (ISMM), en Cuba, Víctor Hugo Pérez; a profesora da UDC Rosa Caramés, e Lourdes Pazo, en representación do programa Vagalume.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2018.