Pasar al contenido principal

Facultade de Ciencias e EPS de Enxeñaría, primeiros centros do campus de Lugo con acreditación institucional do Ministerio

Facultade de Ciencias do campus de Lugo
Facultade de Ciencias do campus de Lugo
A obtención da certificación de implantación de sistemas de garantía internos de calidade exime da renovación da acreditación de títulos durante un prazo de 5 anos

A Facultade de Ciencias e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC veñen de recibir a acreditación institucional expedida polo Consello de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, unha certificación que dá conta e garante e implantación de sistemas de garantía de calidade nos centros universitarios e da que tamén gozan na USC as facultades de Psicoloxía e Bioloxía, ademais da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, que foi centro pioneiro da USC en acadar este distintivo.

A acreditación institucional dun centro universitario implica a acreditación de todas as titulacións que nel se imparten, segundo indicaron o director da EPS de Enxeñaría de Lugo, Tomás Cuesta, e o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, que logo de salientar e agradecer o traballo desenvolvido previo á acreditación, salientaron que unha das vantaxes da acreditación institucional é que permite aos centros universitarios renovar a acreditación dos seus respectivos títulos oficiais sen necesidade de someterse aos procedementos de administrativos ordinarios durante un prazo de cinco anos.

Daquela, a efectos prácticos, a EPS de Enxeñaría e a Facultade de Ciencias da USC, así como as titulacións oficiais que se imparten nestes centros universitarios están exoneradas de renovar a acreditación dos seus respectivos títulos oficiais ata o ano 2024, segundo se desprende o que da notificación remitida polo Ministerio aos centros universitarios lugueses e con data de 28 de febreiro de 2019.

Ademais de alixeirar o traballo administrativo e a burocracia na actividade diaria dos centros universitarios, a acreditación institucional outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades outorga un distintivo de calidade á oferta formativa impartida neles. A consecución desta certificación ministerial non é un proceso doado, comentan o decano de Ciencias e o director da EPS de Enxeñaría, que lembraron que só os centros universitarios que teñen acreditados os seus títulos oficiais poden optar á acreditación institucional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.03.2019.