Pasar al contenido principal

Campus Terra, un referente forestal e agroalimentario alén do Atlántico

Mikel Ugando e Asteria Luzardo, nun laboratorio da Facultade de Ciencias
Mikel Ugando e Asteria Luzardo, nun laboratorio da Facultade de Ciencias
O coordinador de I+D da Pontificia Universidade Católica de Ecuador, Mikel Ugando, completa unha estadía na sede universitaria luguesa para activar intercambios de docentes e investigadores coa institución de América latina, e para coñecer algunhas liñas de investigación e procesos de xestión xa implementados no Campus Terra da USC
Lugo

O Campus Terra da USC tense consolidado como un referente científico e de formación nos ámbitos forestal e agroalimentario alén do atlántico, tal e como o constata a estadía completada esta semana na sede universitaria luguesa polo docente e coordinador de I+D da Pontificia Universidade Católica de Ecuador (PUCE), Mikel Ugando. A visita realizada por este alto representante dunha das cen institucións académicas de máis prestixio de América Latina ao Campus Terra da USC responde ao interese da PUCE de explorar novas liñas investigación conxuntas ou en colaboración en materia botánica e forestal, ademais de coñecer procesos de xestión académica e administrativa xa implementados no campus lugués.

A afinidade temática entre a oferta de titulacións de grao impartidas pola PUCE na súa sede de Santo Domingo, a terceira cidade máis importante de Ecuador,e o mapa de títulos e as áreas de especialización do Campus Terra da USC, constitúen outros dos motivos desta visita do representante institucional da PUCE, unha universidade ecuatoriana que na actualidade está a implantar o título de grao en Nutrición Humana e Dietética, segundo relatou Ugando.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, e a delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, mantiveron unha primeira toma de contacto co coordinador da área de I+D da Universidade Pontificia Católica de Ecuador para analizar as sinerxías existentes entre os dous enclaves universitarios, a fin de explorar as posibilidades de estreitar ligazóns a curto e medio prazo. A futura realización de estadías de intercambio entre docentes e investigadores da PUCE e o Campus Terra foi unha das cuestións propostas por Mikel Ugando, quen aproveitou a súa estadía en Lugo para coñecer os distintos centros universitarios e os laboratorios e infraestruturas de investigación do do Campus Terra e manter encontros de traballo con diversos docentes e investigadores.

Daquela, Ugando desprazouse ata a Facultade de Ciencias, na que a USC imparte o título en Nutrición Humana e Dietética, para coñecer da man da decana deste centro universitario, Asteria Luzardo,  o plan de estudos deste grao universitario, así como as dependencias de investigación das que dispón o seu alumnado. O coordinador de I+d da Pontificia Universidade Católica de Ecuador tamén mantivo encontros informativos cos decanos das facultades de ADE, Roberto Bande,  e de Veterinaria, Gonzalo Fernández,  quen tamén percorreu xunto co responsable universitario ecuatoriano as instalacións hospitalarias do Rof Codina, así como do Centro de Biomedicina Veterinaria (Cebiovet).

A actividade de I+D+i desenvolvida no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) espertou asemade especial interese por parte do coordinador de I+d da PUCE, unha institución académica que goza de elevada reputación científica no eido dos Xardíns Botánicos. Esta temática centrou así as reunións mantidas entre Ugando co director do Ibader, Pablo Ramil Rego, así como coa profesora de Xardiñería e coordinadora do grao en Paisaxe, Isabel Iglesias, e co catedrático emérito do Departamento de Produción Vexetal na EPS de Enxeñaría, Antonio Rigueiro.

Estes docentes, acompañadas da directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, aproveitaron a presenza do representante institucional da PUCE para amosarlle o potencial científico e tecnolóxico da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), ademais de para intercambiar información e abordar posibilidades de colaboración interuniversitaria nos ámbitos das enxeñarías agrícolas e forestais e mesmo en cuestións ligadas a Robótica.

Francisco Fraga, Mikel Ugando e Elvira López Mosquera, no Campus de Lugo
Francisco Fraga, Mikel Ugando e Elvira López Mosquera, no Campus de Lugo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.03.2023.