Mary Beard e Ivo Castro serán investidos doutores ‘honoris causa’ este venres 31 de marzo
Os catedráticos das universidades de Cambridge e de Lisboa, Mary Beard e Ivo Castro, serán investidos doutores honoris causa pola USC este venres, 31 de marzo. A cerimonia, que se desenvolverá no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, comezará ás 12.00 horas.
Ivo Castro foi proposto polo departamento de Filoloxía Galega da USC e terá como padriño ao profesor Henrique Monteagudo. Castro teceu lazos de colaboración da academia portuguesa coa lingüística e a filoloxía galegas e esforzouse por dar a coñecer a lingua e a cultura galegas dentro e fóra do ámbito universitario lusitano. Por iniciativa súa, a Universidade de Lisboa acolleu unha activa Cátedra de Estudos Galegos que promoveu un grande número de actividades, pero, sobre todo, facilitou os acordos entre institucións como o Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa e o Instituto da Lingua Galega da USC.
Pola súa parte, o departamento de Historia da institución compostelá é o responsable do nomeamento de Mary Beard, catedrática de Historia e Literatura do Mundo Antigo na Universidade de Cambridge e cuxo padriño será Pedro López Barja de Quiroga. Os seus inicios como investigadora situáronse no ámbito da historia das relixións para, a continuación, centrarse en aspectos máis visuais do mundo antigo. Deste xeito, o monumento é analizado non só no contexto no que naceu senón ao longo de toda a historia, ata o presente, incidindo nas diversas lecturas e reaccións que provocou en diferentes épocas. A súa defensa de Roma como un imperio multicultural áchase no centro do que é o seu libro máis coñecido SPQR: A History of Ancient Rome. En 2016, obtivo o Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais.