Pasar al contenido principal

O politólogo Ignacio Lago protagoniza a festividade de Ciencias Políticas e Sociais

De esquerda a dereita, Ignacio Lago e Ramón Bouzas. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ignacio Lago e Ramón Bouzas. FOTO: Santi Alvite
O profesor da Universidade Pompeu Fabra analizou o impacto da revolución de xénero, da transformación demográfica e da descentralización do poder político e económico
Santiago de Compostela

O relatorio do profesor da Universidade Pompeu Fabra, Ignacio Lago, conformou o acto central da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais co gallo da súa festividade. Presentado polo decano Ramón Bouzas, o profesor Lago afondou nas tres grandes transformacións que viviu a sociedade nos últimos tempos e que xeran consecuencias no comportamento dos cidadáns, os partidos e os gobernos.

En primeiro lugar, o profesor Lago profundou na “revolución de xénero” e no moito que aínda queda por avanzar nesta materia. Así, abordou o que sucede cando se vive un evento traumático, a nivel social, como pode ser un atentado terrorista. Lago lembrou un estudo recente no que se analizou o sucedido no Reino Unido logo do ataque de 2017, no Manchester Arena. “Os ataques terroristas adoitan aumentar a popularidade dos líderes”, explicou o profesor Lago. Con todo, a devandita popularidade “non aumenta logo dos ataques terroristas cando a xefatura do goberno está ocupada por unha muller”, matiza poñendo como exemplo á presidenta Theresa May, quen gobernaba no Reino Unido no intre do atentado. 

“As avaliacións de Theresa May caeron e os Conservadores perderon votos nas zonas xeográficas máis próximas ao ataque”, explicou o profesor Lago. O investigador pon en relación este feito coa percepción que gran parte da cidadanía aínda posúe sobre a capacidade para defender un país ao considerala como “un atributo masculino”. Esta percepción, afirma, debería ir mudando co paso do tempo, a medida que máis mulleres asuman unha maior cota de poder. 

A continuación, o profesor centrouse na transformación demográfica e puxo como exemplo o caso dos Estados Unidos, onde as familias monoparentais pasaron de abranguer o 12% en 1960, ao 30% no ano 2020. Ignacio Lago puxo o foco en como os e as cidadás conviven cada vez con menos persoas, circunstancia que implica que “as opinións se volvan máis radicais”, con independencia de cal sexa a opción ideolóxica do individuo. 

A descentralización do poder político e económico foi a terceira das revolucións abordadas polo profesor, quen salientou como as eleccións vividas despois da COVID-19 fortaleceron as autonomías fronte aos gobernos centrais, non só en España, senón tamén noutros Estados da súa contorna como pode ser o caso de Alemaña. Esta situación débese a que eran eses poderes autonómicos os que ostentaban gran parte das competencias para a xestión da pandemia. “A COVID-19 aumentou o apoio electoral dos Gobernos só en Estados centralizados”, concluíu o profesor Lago. 
 

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.03.2023.