Pasar al contenido principal

Unha investigación estuda a capacidade lingüística dos hititas para expresar as súas emocións

Porta da antiga capital hitita de Hattusa. FOTO: Ali Balikci
Porta da antiga capital hitita de Hattusa. FOTO: Ali Balikci
O estudo de João Paulo Galhano constatou que este pobo albergaba unha gran amplitude lexemática nos eido relativos a ‘Repugnancia, Odio, Enfado, Rabia e Ira’ así como no de ‘Aprehensión, Medo, Pánico e Ansiedade’
Santiago de Compostela

A sensibilidade léxica da lingua hitita en relación co campo semántico das emocións é o obxecto da investigación desenvolvida na USC por João Paulo Galhano. A tese de doutoramento observa e avalía a sensibilidade lexical hitita ás emocións e, por tanto, é un exame da capacidade deste pobo para lexicalizalas. A importancia deste estudo estriba en que o hitita está considerada a máis antiga lingua indoeuropea coñecida en rexistro escrito, falada seguramente entre 1600 a.C. e 1100 a.C, en Anatolia, actual Turquía. A tese evidencia a gran amplitude lexemática das emocións hititas, especialmente dentro do grupo de ‘Repugnancia, Odio, Enfado, Rabia e Ira’ así como no de ‘Aprehensión, Medo, Pánico e Ansiedade’.

“Os resultados non implican que a realidade vivida polos hititas fose maioritariamente perturbada por esas emocións, en detrimento doutras, senón que os textos que nos chegaron, en gran parte de natureza mitolóxica e ritual, demostran unha maior lexicalización desa área semántica”, apunta João Paulo Galhano. Quere isto dicir que o grao de lexicalización coñecido –definición conceptual a través de lexemas– depende tamén do material que o pasado nos legou sobre a forma escrita. En todo caso, o politeísmo hitita, que foi desenvolvido en alto grao –pois Hatti, nome do seu reino, era coñecido como a ‘terra dos mil deuses’–, “apunta cara a unha elevada preocupación coa satisfacción do divino, tendo en conta o principio do do ut des: agradar as divindades para que a vida sexa por elas propiciada e facilitada. Así pretendían tamén fuxir das ansiedades e da ira dos ‘mil deuses’”, engade o investigador.

Hitita emprégase no seo desta investigación nun sentido cultural amplo, abarcando tamén outras linguas anatolias como o luvita, o licio, o lidio, o palaico, o hático, o hurrita e, en menor grao, o acadio, o sumerio e o fenicio (se son paralelos aos textos anatólicos). As unidades léxicas completamente analizadas agrúpanse en cinco grupos de emocións: ‘Amor’, ‘Felicidade, Alegría e Contento’, ‘Aprehensión, Medo, Pánico e Ansiedade’, ‘Repugnancia, Odio, Enfado, Rabia e Ira’ e ‘Celo e Envexa’. Ademais, a investigación comprende a identificación de lexemas emocionais relacionados con outros grupos como ‘Tristeza, Dor e Loito’, ‘Vergoña e Culpa’, ‘Orgullo, Humillación e Auto-respecto’ e ‘Reverencia, Piedade e Compaixón’, ademais dun capítulo extra titulado ‘A expresión da Tranquilidade’. A tese concluíu que o léxico hitita das emocións foi principalmente herdado do protoindoeuropeo (PIE).

A tese titulada ‘Hittite Emotions in Lexical and Semantic Grounds. A research into the history of emotions through the hittite records’, está dirixida por José Virgilio García Trabazo da USC e Nuno Simões Rodrigues da Universidade de Lisboa. O tribunal, composto por José Luis García Ramón (Universität zu Köln), Alberto Bernabé Pajares (Universidad Complutense de Madrid) e Mariona Vernet Pons (Universitat de Barcelona), outorgoulle a cualificación de sobresaliente cum laude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2023.