Pasar al contenido principal

Veterinaria fomenta o uso da lingua cunha nova edicion dos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’

Alumnado da Facultade de Veterinaria. Foto: Santi Alvite
Alumnado da Facultade de Veterinaria. Foto: Santi Alvite
A iniciativa apoiada polo Servizo de Normalización Lingüística da USC gratificará con máis de 500 euros os mellores traballos académicos e TFG desenvolvidos e presentados en galego polo alumnado do centro universitario lugués ao longo do presente curso
Lugo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo incentiva o emprego da lingua galega entre o seu estudantado a través dunha nova convocatoria dos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’, dúas iniciativas a través das que se gratificará con máis de 500 euros os mellores traballos académicos e TFG en galego presentados polo estudantado do centro universitario lugués durante o presente curso académico.

O obxectivo destas iniciativas xa arraigadas na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC pasa por promover o uso do galego nos materiais docentes do grao en Veterinaria, unha titulación da sede universitaria luguesa na que máis da metade do seu alumnado e tamén do corpo docente procede de fóra de Galicia.

Daquela, o certame ‘Escolle en galego’ permite ao profesorado que imparte as súas clases en castelán ofrecer versións en galego do seu material de clase, a fin de que o alumnado interesado poida descargalo libremente do campus virtual e imprimilo con descontos en determinados centros de reprografía. Os estudantes que se acollan a esta posibilidade e desenvolvan logo traballos académicos en lingua galega poderán optar a premios de 100 e 75 euros, respectivamente, segundo se recolle nas bases dun certame que distinguirá a maior calidade lingüística e formal dos textos rexistrados.

Alén desta primeira iniciativa a prol do uso do galego na actividade académica do alumnado de Veterinaria, a Comisión de Normalización Lingüística do centro tamén lanza unha nova convocatoria do certame ‘O teu traballo ten premio’, co que se busca mellorar a capacidade do alumnado para elaborar documentación técnica en lingua galega. Este galardón recoñecerá con 250 e 125 euros, respectivamente, os traballos de fin de grao (TFG) redactados e defendidos en galego que presenten unha maior calidade lingüística e formal, sempre e cando acadasen previamente a calificación mínima de aprobado, tal e como se recolle na convocatoria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2023.