Pasar al contenido principal

O proxecto BOW comprobará ‘in vivo’ a capacidade terapéutica dos seus nanodispositivos magnéticos

Investigadora traballando no laboratorio de Nanomag. FOTO: Santi Alvite
Investigadora traballando no laboratorio de Nanomag. FOTO: Santi Alvite
Unha trintena de investigadores acaban de darse cita no iMATUS para avaliar a evolución do traballo deste consorcio internacional no que participa a USC e que crea nanopartículas magnéticas híbridas recubertas con membranas de vesículas extracelulares, capaces de evadir a acción do sistema inmune
Santiago de Compostela

Un total de 35 investigadores e investigadoras acaba de darse cita no Instituto de Materiais da USC (iMATUS) no marco da reunión do  proxecto BOW, Biogenic Organotropic Wetsuits, liderado na USC polo profesor da Facultade de Física, José Rivas, e que xa encarou o terzo final do seu desenvolvemento. Cun orzamento de 4,44 millóns de euros e grazas a un consorcio internacional altamente interdisciplinario, integrado por once socios de Italia, Alemaña, Irlanda, Suíza, Estonia, Chequia e España, BOW ten como principal obxectivo a creación de nanopartículas magnéticas híbridas recubertas con membranas de vesículas extracelulares, capaces de evadir a acción do sistema inmune e de fornecer funcións biomiméticas. 

O proxecto xa logrou producir varios nanodispositivos híbridos con boa resposta a nivel fisicoquímico e biolóxico. Os obxectivos definidos para o último tramo do proxecto inclúen a comprobación in vivo da capacidade terapéutica da tecnoloxía, coa previsión dunha pronta translación ao ámbito clínico. “A reunión do proxecto BOW en iMATUS foi un éxito e avanzouse significativamente na creación de nanodispositivos híbridos que poderían ter un gran impacto na medicina do futuro”, apunta o profesor Rivas.

A tecnoloxía desenvolvida no proxecto BOW ten un gran potencial en diversas áreas da medicina, como na detección e tratamento de enfermidades. Por exemplo, as nanopartículas magnéticas recubertas con membranas de vesículas extracelulares poderían utilizarse como axentes de contraste en resonancia magnética, o que permitiría unha mellor visualización dos tecidos afectados por certas enfermidades.

“O éxito desta tecnoloxía non incremental promoverá o progreso de nanodispositivos e nanomateriais implantables cara á produción sostible e a translación clínica, contribuíndo a fortalecer e manter a posición de liderado na biotecnoloxía europea e impactando na calidade de vida das persoas”, explica o profesor Rivas. Os obxectivos do proxecto consisten na produción de vesículas extracelulares con funcións biomiméticas e organotrópicas; a síntese e funcionalización de nanocompostos superparamagnéticos; así como o deseño dun dispositivo microfluídico para a fabricación simplificada de nanocompostos recubertos con membrana de vesícula extracelular. Neste senso, o profesor Rivas reivindica que “os nanomateriais e os nanodispositivos constitúen unha tecnoloxía fundamental para mellorar a medicina de precisión e os enfoques terapéuticos”.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2023.