Pasar al contenido principal

O equipo da Facultade de Dereito chega á fase final da Moot Court por segundo ano consecutivo

De esquerda a dereita, Carlos Villar, Candela Fernández, Alejandro Manuel Vásquez e Silvia Vila
De esquerda a dereita, Carlos Villar, Candela Fernández, Alejandro Manuel Vásquez e Silvia Vila
Candela Fernández Pascual, Silvia Vila Esperón, Alejandro Manuel Vásquez Rodríguez e Carlos Villar Sanmartín participaron nesta iniciativa que busca fomentar o interese polo mundo do Dereito da Unión Europea entre o alumnado universitario
Santiago de Compostela

Por segundo ano consecutivo, o equipo da Facultade de Dereito da USC, composto nesta ocasión por Candela Fernández Pascual, Silvia Vila Esperón, Alejandro Manuel Vásquez Rodríguez e Carlos Villar Sanmartín, coordinados dende a área de Dereito Internacional Público, logrou chegar á fase final na II Moot Court da Asociación Española para o Estudo do Dereito Europeo (AEDEUR), celebrada en Madrid, na sede do Tribunal Supremo. Esta é unha competición universitaria baseada nun xuízo simulado e dirixida a estudantes de Dereito das universidades españolas. A iniciativa persegue fomentar o interese polo mundo do Dereito da Unión Europea entre o alumnado universitario.

A Moot Court é unha actividade na que universidades españolas participaron nunha vintena de vistas, celebradas no Consello Xeral da Avogacía Española, mentres que a final se desenvolveu no Salón de Plenos do Tribunal Supremo. “Foi moi estimulante observar o excelente nivel de coñecementos que teñen os nosos xuristas máis novos do Dereito da Unión. E tamén o foi para eles, vivindo unha experiencia inesquecible”, apuntan dende a organización. Á fase final da competición, chegaron os equipos das Universidades de Santiago de Compostela, Autónoma de Madrid e Comillas ICADE, alzándose esta última co primeiro posto. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.03.2023.