Un equipo da USC dá pulo á nova sección web de estatística da Oficina de Acollida ao Peregrino
A profesora de Métodos Cuantitativos da USC, Isabel Neira, é a responsable da nova área de estatística da páxina web da Oficina de Acollida ao Peregrino que permitirá ás persoas usuarias acceder á información en tempo real dun modo dinámico e visual. “Esta iniciativa é froito dun traballo de moito tempo e dentro dun marco mais amplo”, puntualizou a profesora Neira. De acordo cos datos rexistrados, no que vai de ano chegaron a Compostela máis de 13.200 peregrinos, dos cales máis da metade procedían do estranxeiro. A cifra increméntase notablemente no cómputo total relativo ao ano pasado cando preto de medio millón de persoas chegaron á Oficina de Acollida ao Peregrino, sendo españois o 55%.
O novo servizo estatístico permite mellorar a información sobre cada ruta xacobea, con datos específicos sobre o número de peregrinos, sexo, idade, país de procedencia e punto de inicio da ruta, entre outras informacións. O equipo encargado de materializalo tivo que analizar todos os datos recompilados pola Oficina de Acollida ao Peregrino dende o ano 2003, malia que tamén se engadirá unha análise estatística cos datos recompilados, con outro formato e non tan detallados, dende 1970.
No acto de presentación, ademais da profesora Neira, participaron Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago, e Nava Castro, directora xeral de Turismo de Galicia. “Esta colaboración entre a Universidade e a Catedral de Santiago é un exemplo de como a tecnoloxía e a investigación poden contribuír ao acceso ao coñecemento e mellorar a experiencia das persoas”, subliñou a Oficina de Acollida ao Peregrino. Tamén pode supoñer, engadiu Nava Castro na presentación, unha ferramenta moi eficaz para planificar o próximo Xacobeo, ao ter información sobre como evoluciona o perfil dos peregrinos e as necesidades ás que haberá que facerlle fronte.