Pasar al contenido principal

Un foro concentra máis de 250 participantes para reflexionar sobre os retos na loita contra o párkinson

A enfermidade de Parkinson constitúe unha patoloxía neurodexenerativa e crónica de orixe multifactorial. FOTO: Santi Alvite
A enfermidade de Parkinson constitúe unha patoloxía neurodexenerativa e crónica de orixe multifactorial. FOTO: Santi Alvite
Medicina e Odontoloxía acolle esta sesión organizada polo grupo de investigación de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do CiMUS da USC
Santiago de Compostela

O grupo de investigación de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e o Servizo de Neuroloxía do CHUS organizan este martes 11 un encontro na Facultade de Medicina e Odontoloxía co fin de achegar información a pacientes desta enfermidade e a persoas coidadoras. Dende 1994, cada 11 de abril conmemórase o Día Mundial do Parkinson. “Trátase dunha iniciativa promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) co obxectivo de informar e sensibilizar á poboación sobre a situación e necesidades dos pacientes afectados por esta enfermidade neurodexenerativa e crónica que afecta en España a unhas 120.000-150.000 persoas e é a segunda afección neurodexenerativa máis frecuente, despois da enfermidade de Alzheimer”, apuntan dende a organización do evento.

O reitor Antonio López preside o acto inaugural a partir das 17.00 horas. Xunto a el interveñen o decano do centro, Julián Álvarez; o director do departamento en Ciencias Morfolóxicas, José Luis Labandeira; o xefe do servizo de Neuroloxía do CHUS, José María Prieto González; e a xerente do SERGAS, Estrella López-Pardo

Multifactorial

A enfermidade de Parkinson constitúe unha patoloxía neurodexenerativa e crónica de orixe multifactorial. A data do 11 de abril foi elixida coincidindo co aniversario do nacemento do Doutor James Parkinson, neurólogo británico que describiu por primeira vez a enfermidade. Os problemas motores cos que cursa —aparición de tremores en repouso, lentitude de movementos, rixidez muscular e dificultade para iniciar a marcha— son os síntomas máis coñecidos pola poboación xeral. Con todo, existen outros síntomas non motores que, en moitas ocasións, poden deteriorar a calidade de vida do paciente: problemas do soño, depresión, trastornos de control de impulsos, e/ou problemas cognitivos. Malia que é unha enfermidade que habitualmente se diagnostica en idades avanzadas, tamén pode aparecer a idades temperás.

Na sesión deste martes, participan máis de 250 persoas, entre pacientes e persoal sanitario implicado na atención e coidados a afectados que sofren esta patoloxía. Ademais, confirmaron a súa asistencia as asociacións Parkinson Galicia-Coruña; Acem: Asociación Compostelá de Esclerose múltiple; Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple; Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER); Asociación Parkinson provincia Pontevedra (Bueu); Asociación Parkinson de Vigo; e Asociación Párkinson Ferrol.

Durante o transcurso da xornada, o catedrático José Luis Labandeira García e os neurólogos Anxo Sesar, Gustavo Pajarín, Diego Santos e Carmen Labandeira imparten charlas sobre liñas de investigación actuais e futuras, así como o éxito de medicacións clásicas (Levodopa) e a implementación de novos tratamentos como o HIFU. Ademais, representantes e persoas afectadas das diferentes asociacións comparten a súa experiencia con neurólogos/as e investigadores/as. O coordinador da unidade de Trastornos de movemento do Servizo de Neuroloxía do CHUS, Anxo Sesar, e a investigadora do Grupo de Neurobiología Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do CiMUS da USC, Ana Isabel Rodríguez, conducen e moderan a xornada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2023.