Pasar al contenido principal

Unha investigación conclúe que a diversidade das características das especies altera o ciclo do carbono

Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas
Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas
O estudo realizado por Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas, do grupo da USC EcoPast, une evolución, biodiversidade e ciclo do carbono para achegar conclusións que poderían ser de utilidade na loita contra o cambio climático
Santiago de Compostela

O carbono é un elemento químico crucial para entender a vida na Terra, peza chave para formar moléculas complexas como proteínas e ADN, ou ingrediente fundamental nos alimentos que nos sustentan. O carbono tamén se atopa, en forma de dióxido de carbono, na atmosfera. Dende aí parte ata ao solo terrestre nunha viaxe constante de ida e volta. O ciclo do carbono abrangue, polo tanto, os procesos a través dos cales este elemento se move entre os organismos vivos e o medio ambiente. Utilizando teorías evolutivas recentes que explican que a evolución dos organismos vén determinada pola economía do carbono, un equipo da USC acaba de ampliar esta premisa ao nivel do ecosistema amosando como a diversidade de características das comunidades ecolóxicas inflúe tamén no devandito ciclo, descubrimento que podería ser útil na loita contra o cambio climático.  

Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas, integrantes do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e do grupo EcoPast, acaban de publicar xunto a Matthias Schleuning, pertencente ao Senckenberg Biodiversity and Climate Research Centre de Alemaña, o artigo titulado ‘Trait diversity shapes the carbon cycle’ no que profundan en como a diversidade de trazos das comunidades ecolóxicas está inherentemente vinculada ao ciclo do carbono.

“Os organismos cun tamaño corporal grande, como as árbores lonxevas e de crecemento lento, constitúen grandes reservas de carbono, mentres que os organismos de crecemento rápido, como as herbas ou os pastos anuais, soportan fluxos rápidos de carbono. Por tanto, as diferenzas nas características das especies que forman as comunidades ecolóxicas poden causar cambios no devandito ciclo”, apuntan os investigadores no artigo publicado en Trends in Ecology and Evolution.

A selección natural actúa sobre un conxunto de trazos integrados dentro dun organismo. De maneira similar, o ambiente filtra as comunidades ecolóxicas, de tal xeito que os procesos eco-evolutivos seleccionan combinacións de trazos a nivel individual, de poboación e de comunidade. “Argumentamos que a diversidade de características das comunidades ecolóxicas está inherentemente vinculada ao ciclo do carbono”, afirman. Especificamente, a variación nas dimensións das características clave relacionadas co tamaño, o metabolismo e o ritmo de vida dos organismos probablemente afecte, a xuízo do equipo investigador, tanto as reservas de carbono como os fluxos nos ecosistemas. “Ao propoñer esta idea, suxerimos unha nova forma de vincular mecanicamente a diversidade de trazos das comunidades ecolóxicas e o ciclo do carbono”, explican.

Espazo de trazos hipotético de dúas comunidades ecolóxicas. A comunidade azul é un subconxunto simplificado da comunidade marrón máis diversa. Os organismos que compoñen estas comunidades sitúanse segundo as súas posicións aproximadas ao longo de dous eixes que describen a diversidade de trazos nas comunidades ecolóxicas e se relacionan cos fluxos e reservorios de carbono nos ecosistemas. Adaptación ao galego da infografía que acompaña o artigo
*EXPLICACIÓN DA FIGURA: Espazo de trazos hipotético de dúas comunidades ecolóxicas. A comunidade azul é un subconxunto simplificado da comunidade marrón máis diversa. Os organismos que compoñen estas comunidades sitúanse segundo as súas posicións aproximadas ao longo de dous eixes que describen a diversidade de trazos nas comunidades ecolóxicas e se relacionan cos fluxos e reservorios de carbono nos ecosistemas. Adaptación ao galego da infografía que acompaña o artigo

Impacto humano e cambio climático

Sábese que os impactos humanos conducen a cambios sistemáticos na diversidade de características e na composición das comunidades ecolóxicas, “o que resulta na perda de especies grandes e lonxevas con baixas taxas de reprodución”, apuntan Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas. “É probable que estes cambios sistemáticos na diversidade de características modifiquen o ciclo do carbono e poidan chegar a provocar unha tendencia cara a fluxos de carbono máis rápidos e reservas máis pequenas nos ecosistemas a nivel mundial”, aseguran.

Nos últimos séculos, as actividades humanas e as emisións industriais aumentaron o carbono na atmosfera, feito que se vincula co quecemento global. Mellorar a comprensión mecánica do ciclo do carbono e, en particular, as súas retroalimentacións coa biosfera, podería axudar a desenvolver medidas específicas para mitigar o cambio climático. “Suxerimos que as estratexias de mitigación que apuntan a un maior secuestro de carbono na biosfera deben centrarse no mantemento dunha alta diversidade de características das comunidades ecolóxicas para optimizar a retención e o secuestro de carbono”, conclúen.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.04.2023.