Pasar al contenido principal

Veterinaria afronta esta semana o proceso de avaliación externa para renovar por segunda vez a acreditación europea da Eaeve

Entrada da Facultade de Veterinaria da USC
Entrada da Facultade de Veterinaria da USC
A comisión coordinada polo belga Pierre Lekeux recala este luns no campus de Lugo para inspeccionar polo miúdo as instalacións e o funcionamento do centro universitario

A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC afronta esta semana o proceso de avaliación externa previo á renovación por segunda vez da acreditación da European Association of Establishments for Veterinary Education (Eaeve), un recoñecemento internacional que o centro universitario lugués adquiriu por vez primeira no ano 2002 e que renovou en 2008 por un período de dez anos.

O Comité de Avaliación delegado da EaevE e da Federación de Veterinarios de Europa (FVE) encargado realizar o proceso de supervisión periódica que require o mantemento do estatus que confire esta acreditación europea, chega este luns ao campus de Lugo, onde permanecerá ata o vindeiro 28 de setembro para analizar e facer unha inspección polo miúdo das instalacións, funcionamento, metodoloxía de traballo e resultados acadados polo centro universitario lugués.

Esta comisión internacional, integrada por sete membros, que son expertos en diferentes áreas de traballo, está coordinada polo director do Sistema Europeo de Avaliación da Formación Veterinaria (Esevt), o belga Pierre Lekeux. Tamén forman parte deste comité externo Yngvild Wasteson, especialista noruegués en hixiene e inspección de alimentos que actuará como presidente da comisión; o experto italiano en ciencias básicas Mario Baratta; o austríaco Florian Buchner, especialista en animais de compañía; o experto británico en Produción e Sanidade Animal David Barrett. O experto francés en medicina de grandes animais Christophe Buhot, que actúa como representante da Federación de Veterinarios de Europa; o finés Mirja Ruohoniemi, especialista en control de calidade, e a austríaca Victoria Drauch, qen representación do colectivo estudantil, completan a nómina de membros do comité internacional de avaliación.

Antes da recepción desta visita, a Facultade de Veterinaria da USC xa elaborou un informe de auto avaliación que reporta unha descrición profunda do centro e da súa docencia. Este traballo cubre un total de 11 estándares cos seus respectivos indicadores:

organización, finanzas, plan de estudos, infraestruturas e equipamento, recursos animais, recursos docentes, admisión e atención ao estudantado, sistemas de avaliación do alumnado, persoal docente e de administración e servizos, investigación, programas de formación continúa e posgrao, e sistemas de garantía interna de calidade.

A comisión de avaliación aproveitará a súa estadía no campus de Lugo para comprobar e supervisar a veracidade da información achegada polo centro a través da inspección in situ de todas as dependencias da Facultade de Veterinaria e do campus de Lugo, e mediante a consulta de todas as bases de datos e demais documentación requerida. O programa da visita tamén contempla entrevistas con diferentes sectores do centro universitario, entre os que están incluídos alumnos, persoal da facultade e axentes externos. Estas sondaxes de opinión permitirán aos avaliadores obter a información necesaria para establecer un xuízo o máis preciso posible da situación da Facultade de Veterinaria.

O decano da Facultade de Veterinaria, o profesor Germán Santamarina Pernas, expresou a súa confianza en que o centro supere con éxito este novo proceso de avaliación, dado que “temos feito un importante esforzo ao longo destes anos para adaptar o centro ás cada vez máis esixentes demandas da Eaeve, ao tempo que se acometeron numerosas inversións para mellorar as instalacións do centro”, sinalou.

Alén do plan de traballo, os integrantes da comisión de avaliación externa da Facultade de Veterinaria de Lugo tamén participarán o mércores 26 de setembro, a partir das 20.00 horas, no Pazo de San Marcos de Lugo, nunha recepción oficial ofrecida pola Deputación Provincial de Lugo e na que participarán autoridades locais, autonómicas e académicas, ademais doutros persoeiros relevantes relacionados con diferentes ámbitos do sector veterinario.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.09.2018.