Pasar al contenido principal

A spin-off da USC 'InVerbis' consolida o seu crecemento cun investimento de 400.000 euros

InVerbis é unha empresa que comercializa unha ferramenta de análise e mellora de procesos. FOTO: CiTIUS
InVerbis é unha empresa que comercializa unha ferramenta de análise e mellora de procesos. FOTO: CiTIUS
A empresa, que acaba de incorporarse á Estratexia Lugo Transforma, comercializa unha ferramenta de análise e mellora de procesos que pode ser empregada tanto por empresas como pola administración pública
Santiago de Compostela

Lugo Transforma, o fondo de capital de risco do Concello de Lugo, que pretende mobilizar 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novas inversións para a cidade, acaba de anunciar o investimento de 400.000 euros en InVerbis, empresa tecnolóxica nacida no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). InVerbis convértese así na terceira empresa pola que aposta esta iniciativa lucense.

Jesús Torres, CEO de Torsa Capital, a empresa que se encarga de xestionar o fondo, destaca a importancia deste acordo polo potencial e carácter innovador de InVerbis, que espera que á súa vez, sexa un foco de atracción para profesionais cunha moi alta cualificación. Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou as grandes oportunidades de emprego que trae consigo a chegada dunha empresa con estas características e pioneira no seu sector.

InVerbis Analytics que xa recibira o apoio financeiro a cargo de Unirisco, o fondo de capital de risco das universidades galegas, e do Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Programa de axudas Neotec, segue desta forma consolidando o seu crecemento. O director científico de InVerbis, Alejandro Ramos, doutor formado no CiTIUS da USC, explicaba que este fito “confirma a solidez que está a alcanzar a empresa dentro do mercado internacional da intelixencia de procesos”. Por outra banda, esta nova achega de fondos permitirá que a empresa traballe “a fondo en actualizacións do produto enfocadas á verticalidade de solucións intelixentes de procesos que vai vivir o mercado, así como desenvolver a súa comunicación e presencia internacional”, engade.

Alta cualificación

InVerbis é unha empresa de base tecnolóxica que comercializa unha ferramenta de análise e mellora de procesos que pode ser empregada tanto por empresas como pola administración pública. É un proxecto español baseado en Galicia, froito da investigación realizada no CiTIUS da USC, e que contou co apoio económico do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié.

A empresa dispón dun equipo de traballo cunha moi alta cualificación, contando con doutores, enxeñeiros con formación de posgrao e experiencia real en varias e diversos sectores como sanidade, loxística ou servizos.  A súa evolución está a ser especialmente positiva, sobre todo no mercado internacional. En menos de tres anos conseguiron desenvolver alianzas con importantes empresas de software internacionais coma Denodo, TimeXtender ou CERNER, entre outras.

Gonzalo Martín, CEO de InVerbis, e a alcaldesa, Lara Méndez. FOTO: Xesús Ponte
Gonzalo Martín, CEO de InVerbis, e a alcaldesa, Lara Méndez. FOTO: Xesús Ponte
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.04.2023.