Alumnado da EPS de Enxeñaría organiza un ciclo de relatorios co gallo da celebración do Día da Terra
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC celebra este xoves, a iniciativa do seu alumnado, un programa de relatorios divulgativos co gallo do Día da Terra, unha efeméride que se conmemora cada 21 de abril e que coincide coa festividade deste centro do Campus Terra da USC.
A enxeñeira Civil egresada da EPS de Enxeñaría da USC Danieal Lourenço, que na actualidade forma parte do cadro de persoal da empresa CadworkIbérica & LatinoaméricaS.L, abriu a quenda de intervencións da xornada cunha charla na que afondou sobre as posibilidades que ofrece o emprego de madeira estrutural. Así, logo dun breve acto de acollida ofrecido polo profesor na EPS de Enxeñaría e subdirector do centro no salón de actos da escola, Emilio Carral Vilariño, Lourenço falou sobre o proceso que se segue desde o deseño ata a fabricación elementos estruturais de madeira en pontes funcionais, máquinas CNC, brazos robots...
José Luis Aparicio Álvarez e Alejandro Hernández Castrillejo, de Queixerías Entrepinares, falaron de seguido neste foro sobre automatización e innovación no sector agroalimentario da produción de queixos e derivados lácteos. Na súa intervención, os representantes de Entrepinares deron conta da actividade que se desenvolve nesta factoría leiteira.
Xa en quenda de tarde, a directora da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Rosa Romero, conduciu unha nova sesión, no marco do que o xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martínez, falou sobre a aventura ecolóxica en Galicia. De seguido, Héctor Cea Montero, de Ence Enerxía e Celulosa, tratou sobre o aproveitamento sostible das árbores e doutros recursos naturais para a produción de celulosa especial e enerxía renovable.
O programa de relatorios promovido polo alumnado da EPS de Enxeñaría xunto coa dirección do centro, unha iniciativa que conta con apoio económico da Deputación Provincial de Lugo, chegou ao seu colofón coa charla ‘Sementes e caracteres xenéticos: opcións para maximizar a produtividade dos cultivos’, a cargo de Adrián Varela Pérez, asesor agronómico de Pioneer Hi-Bred.