Pasar al contenido principal

Alejandro Gómez Pazo chega á semifinal do certame de monólogos ‘Solo de ciencia’

Gómez Pazo durante a súa intervención nun certame de monólogos. FOTO: @lex_gom
Gómez Pazo durante a súa intervención nun certame de monólogos. FOTO: @lex_gom
As solicitudes de participación consistiron na presentación dun vídeo de menos de tres minutos no que cada solicitante desenvolveu un tema científico ou tecnolóxico
Santiago de Compostela

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) seleccionou os semifinalistas da edición española de ‘Solo de Ciencia’, o primeiro certame iberoamericano de monólogos científicos. Entre as doce persoas seleccionadas atópase o investigador da USC, Alejandro Gómez Pazo. Esta iniciativa ten como obxectivo principal o fomento da comunicación da ciencia, estimulando a quen desenvolve os seus estudos ou a súa carreira profesional no ámbito da ciencia, a tecnoloxía e a innovación para involucrarse de forma activa na divulgación en escenarios habitualmente afastados deste tipo de actividades.

As persoas seleccionadas como semifinalistas son cinco mulleres e sete homes, con idades comprendidas entre os 23 e os 35 anos e procedentes de áreas de investigación como Humanidades, Medicina, Bioloxía Molecular, Química ou Ciencias Ambientais. O 25 de febreiro, a  FECYT realizou en Madrid unha xornada de formación para semifinalistas en técnicas de comunicación e expresión vocal e corporal. As oito persoas clasificadas na semifinal que terá lugar este 21 de abril en Barcelona, pasarán á seguinte fase do certame, a final estatal, onde se elixirá a persoa representante de España de ‘Solo de Ciencia’.

As solicitudes de participación no certame consistiron na presentación dun vídeo de menos de tres minutos no que cada solicitante interpretou un monólogo relacionado cun tema científico ou tecnolóxico. Logo da finalización do prazo para a presentación de solicitudes, unha comisión de avaliación foi a encargada de seleccionar, de entre todos os vídeos recibidos, os doce monólogos que se presentarán na semifinal estatal.

Alejandro Gómez Pazo é investigador do grupo en Cartografía de solos e paisaxe, físico-química, degradación e recuperación de solos e augas (AMBIOSOL) e pertence ao departamento de Xeografía da USC. Actualmente estuda as variacións costeiras a distintas escalas, con especial atención nas novas tecnoloxías. Ademais, forma parte da equipa de traballo do proxecto PARANTAR, que analiza a deglaciación na Antártida, estando o seu cometido vencellado coas variacións que se producen na costa do continente de xeo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.04.2023.