Pasar al contenido principal

Os efectos terapéuticos das augas mineromedicinais, obxecto de análise no IV Ciclo

O curso que contou cunha trintena de estudantes foi inaugurado esta semana en Ribeira pola director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, Juan Gestal
Santiago de Compostela

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia participa no IV Ciclo da Universidade de Santiago, destinado a atender as necesidades de formación permanente das persoas maiores, a través dun seminario centrado nas principais indicacións actuais da balneoterapia, para o que se conta coa participación de directores médicos de centros termais da comunidade galega. Trátase dunha iniciativa realizada en colaboración co Concello de Ribeira, dentro das actividades do Campus Itinerante da USC.

O curso que contou cunha trintena de estudantes foi inaugurado esta semana pola directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira, e o director da Cátedra, Juan Gestal, no centro cultural ‘Lustres Rivas’ de Ribeira. Tal como explica o doutor Gestal, “son catro sesións coas que se pretende que os asistentes coñezan en que consiste a balneoterapia e as súas principais indicacións actuais nas que existe evidencia científica”. Están a ser impartidas, ademais de polo doutor Gestal, polos directores médicos de Caldelas de Tui, Elías Festa; Iberik Augas Santas (Pantón), Antonio Freire; e Mondariz, a doutora Laura Gómez.

No transcurso destas xornadas estanse a abordar aspectos como os diferentes tipos de augas mineromedicinais que existen e as indicacións terapéuticas de cada unha, a aplicación da balneoterapia para o tratamento de enfermidades respiratorias e das doenzas reumáticas. Así mesmo, estase a tratar a reeducación funcional dos pacientes nos centros termais, que se presenta como un medio moi valioso como terapia coadxuvante na prevención e recuperación funcional de alteracións do aparato locomotor, do aparato respiratorio, doenzas neurolóxicas ou postraumáticas, e mesmo para a recuperación da COVID e da COVID persistente. 

O doutor Gestal salienta que “a balneoterapia ten hoxe indicacións con evidencia científica para o tratamento coadxuvante de numerosas patoloxías, e mesmo nalgunhas como tratamento de primeira opción como na psoríase”. O profesor manifesta que Galicia ten unha importante riqueza termal apenas utilizada, e que “na actualidade, os cambios socio-demográficos, cunha poboación cada vez mais avellentada pero que desexa gozar dunha cada vez mellor calidade de vida, e sanitarios, cunha frecuencia cada vez maior de enfermidades crónicas, está a demandar a inclusión da balneoterapia nas prestacións do Sistema Nacional de Saúde, ao mesmo nivel que noutros países do nosa contorna como Francia, Italia ou Alemaña”. O curso remata a vindeira semana, cunha visita ao Balneario de Compostela, situado na localidade coruñesa de Brión.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2024.