Pasar al contenido principal

Un equipo de Dereito demostrou o seu dominio do marco legal europeo na final da Moot Court

De esquerda a dereita, Antonio López, Carlos Villar, Silvia Vila, Alejandro Manuel Vásquez, Candela Fernández e Daniel Neira Barral. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Antonio López, Carlos Villar, Silvia Vila, Alejandro Manuel Vásquez, Candela Fernández e Daniel Neira Barral. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López recibiu, no Colexio San Xerome, o alumnado participante nesta competición para darlle os parabéns e coñecer de primeira man o desenvolvemento desta competición universitaria baseada nun xuízo simulado
Santiago de Compostela

Por segundo ano consecutivo, o equipo da Facultade de Dereito da USC, composto nesta ocasión por Candela Fernández Pascual, Silvia Vila Esperón, Alejandro Manuel Vásquez Rodríguez e Carlos Villar Sanmartín, coordinados dende a área de Dereito Internacional Público, logrou chegar á fase final na II Moot Court da Asociación Española para o Estudo do Dereito Europeo (AEDEUR), celebrada en Madrid, na sede do Tribunal Supremo.

O reitor Antonio López recibiu este luns 24, no Colexio San Xerome, o alumnado participante para darlle os parabéns e coñecer de primeira man o desenvolvemento desta  competición universitaria baseada nun xuízo simulado e dirixida a estudantes de Dereito das universidades españolas. A iniciativa persegue fomentar o interese polo mundo do Dereito da Unión Europea entre o alumnado universitario. Na xuntanza tamén participou o profesor Daniel Neira Barral.

A Moot Court é unha actividade na que universidades españolas participaron nunha vintena de vistas, celebradas no Consello Xeral da Avogacía Española, mentres que a final se desenvolveu no Salón de Plenos do Tribunal Supremo. “Foi moi estimulante observar o excelente nivel de coñecementos que teñen os nosos xuristas máis novos do Dereito da Unión. E tamén o foi para eles, vivindo unha experiencia inesquecible”, apuntan dende a organización. Á fase final da competición, chegaron os equipos das Universidades de Santiago de Compostela, Autónoma de Madrid e Comillas ICADE, alzándose esta última co primeiro posto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.04.2023.