Pasar al contenido principal

Humanidades achégase á realidade sociopolítica e cultural de Brasil e Perú a través da obra de Amado e Vargas Llosa

Jorge Amado e Vargas Llosa, nuna imaxe de arquivo
Jorge Amado e Vargas Llosa, nuna imaxe de arquivo
Israel Hamilton Marinho Valente aborda na súa tese de doutoramento, dirixida por Carmen Blanco, as relacións humanas dos dous países suramericanos a través da comparativa de personaxes masculinos e femininos das súas narrativas e da análise do contexto social, político e cultural das localizacións onde desenvolven a súa acción
Lugo

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC achégase á realidade sociopolítica e cultural de Brasil e Perú a través dunha comparativa entre algunhas obras escritas por Jorge Amado e Mario Vargas Llosa. Esta análise centrou a temática da tese de doutoramento desenvolvida polo investigador brasileiro afincado en Alemaña Israel Hamilton Marinho Valente baixo a dirección da profesora da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da USC e investigadora especialista en literatura e en estudos de sexo e xénero Carmen Blanco.

Baixo o título ‘Jorge Amado e Mario Vargas Llosa. Brasil e Perú: Unha aproximación socio-política-cultural a través de seis obras literarias’, Mourinho Valente acomete na súa tese de doutoramento un exhaustivo estudo de tres obras do escritor brasileiro Jorge Amado (1912-2001) e doutras tres do escritor peruano Mario Vargas Llosa (1936) centradas, respectiva e significativamente, en tres personaxes femininos, no caso de Amado, e en tres personaxes masculinos, no caso de Vargas Llosa.

Logo dunha análise dos protagonistas das narrativas como arquetipos humanos xerais e das localidades onde  se desenvolven as historias, a xeito dun locus mundi ou microcosmos de alcance universal que permite divisar o macrocosmos, Israel Hamilton Marinho Valente indentificou nas obras de Amado e Vargas Llosa fitos sociais, políticos e culturais das sociedades brasileira e peruana. Tales acontecementos, explica o investigador, resultans útiles para ampliar a comprensión das relacións humanas neses dous países dentro do seu rico e complexo contexto internacional e constitúen feitos fundamentais para afondar na mellor comprensión das dimensións individuais e colectivas da humanidade no seu conxunto.

Tribunal de tese e cualificación

O doutor José Henrique de Freitas Santos, da Universidade Federal da Bahía, presidiu o comité encargado de avaliar a tese desenvolvida por Marinho Valente ao abeiro do programa de doutoramento internacional Estudos culturais: memoria, identidade, territorio e linguaxe, promovido entre a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC e a Universidade Rennes 2 de Bretaña (Francia).

O doutor nixeriano Félix Oyoh’Omidire, do departamento de estudos luso-brasileiros da Obafemi Awolowo University, e profesora doutora da área de Literatura Hispanoamericana e directora da Cátedra Alejo Carpentier da USC, Ana Chouciño, completaron a composición dun tribunal que outgorgou a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude á investiagción de Marinho Valente.

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Blanco, Israel Hamilton Marinho, Félix Oyoh’Omidire, Ana Chouciño e José Henrique de Freitas, na defensa telemática da tese
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Blanco, Israel Hamilton Marinho, Félix Oyoh’Omidire, Ana Chouciño e José Henrique de Freitas, na defensa telemática da tese
Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.04.2023.