Pasar al contenido principal

Psicoloxía aborda os beneficios do uso da lingua galega con pacientes galegófonos

O número máximo de prazas ascende a 250, as cales cubriranse por rigorosa orde de inscrición. FOTO: Santi Alvite
O número máximo de prazas ascende a 250, as cales cubriranse por rigorosa orde de inscrición. FOTO: Santi Alvite
Unha xornada que se desenvolverá o vindeiro 3 de maio profunda na necesidade de empregar o galego neste ámbito profesional. A inscrición permanece aberta ata o 30 de abril
Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Psicoloxía da USC impulsa o vindeiro 3 de maio unha xornada na que se tratarán os beneficios (e a necesidade) do uso da lingua galega con pacientes galegófonos no ámbito profesional da Psicoloxía. A inscrición pode formalizarse de balde ata o 30 de abril de 2023 a través da secretaría virtual. O número máximo de prazas ascende a 250, as cales cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

A xornada desenvolverase en quenda de tarde, entre as 16.00 e as 20.30 horas. No encontro, Montserrat Comesaña Vila, investigadora do Centro de Investigação en Psicologia da Universidade do Minho impartirá a conferencia 'Galegos polo mundo: o impacto do bilingüismo na cognición e a educación' e Mª Carmen Parafita Couto, investigadora da UVigo e profesora no Center for Linguistics da Universidade de Leiden, ofrecerá o relatorio 'Cruzando fronteiras lingüísticas: dende o castrapo ata o spanglish'.

A continuación, Castor Méndez Paz, presidente da CNL da Facultade de Psicoloxía, moderará unha mesa redonda coas intervencións de Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; Concepción Prado Álvarez, orientadora laboral do Concello de Fene; e Xaquín Loredo Gutiérrez, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG e xerente de Ágora Aberta.

A USC emitirá un diploma de asistencia da actividade, no cal figurará o número de horas presenciais (un total de catro), a todas as persoas inscritas que asistan á Xornada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2023.