Pasar al contenido principal

Ciencia e arte baixo presión

Ciencia e arte baixo presión
Ciencia e arte baixo presión
A artista e profesora da USC Mariluz Caamaño expón os seus monotipos en Fonseca

A profesora de Bioloxía da USC Mariluz Caamaño expón a partir da vindeira semana en Santiago unha serie de monotipos realizados coa técnica do gravado -unha única impresión sobre papel da súa pintura sobre táboa pasada baixo a presión dun tórculo- nos que concilia a arte e a ciencia. Figuras, paisaxes e sobre todo temas relacionados coa Bioloxía que coñece ben e que aborda desde un punto de vista particular. A súa pintura móvese hoxe entre a abstracción e o expresionismo científico, coa cor como a gran protagonista.

A exposición 'Ciencia e arte baixo presión. Monotipos', que conta co apoio de Santander Universidades, inaugurarase o mércores 9 ás 18.00 horas no Colexio de Fonseca, onde permanecerá aberta ata o 16 de xuño de luns a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

A autora
Mariluz Caamaño nace en Marrocos e pasa a súa infancia e mocidade entre África e España mostrando desde pequena gran disposición para o debuxo e o modelado, polo que sente verdadeira paixón. A luz mediterránea marcará sempre a súa pintura.

Estuda Ciencias Biolóxicas na USC, á que permanece vinculada como docente desde 1987, e centra a súa liña de investigación no campo da Biotecnoloxía Vexetal coa conservación da flora ameazada de Galicia. De 2002 a 2010 desempeñou o cargo de vicedecana e desde 2010 a 2014 o de decana da Facultade de Bioloxía.

En 1989 asiste durante cinco anos ao estudo da pintora Begoña Blanco Brodard comezando a súa formación como debuxante e pintora. Aprende técnicas de debuxo, pastel, acuarela e óleo, técnica esta última que utilizará durante máis de vinte anos. En 1995 asiste a clases de debuxo no Art Center da Universidade de Nottingham. Desde 1996 e durante dezaseis anos traballa nun taller compartido con outras pintoras realizando sempre obras ao óleo de temática moi ampla, retrato, paisaxes, interiores e natureza morta.

En 2014 fórmase en gravado no taller de Rosana Calvo onde practica durante máis de dous anos diversas técnicas como punta seca, augaforte, augatinta ou maneira negra que compaxina con gravados de monotipos.

Expuxo as súas obras en diversas salas galegas, e no ano 2017 comeza a mostrar a súa colección na Affordable Art Fair de Milán, na Galería Gaudí de Madrid ou na Galería Les Amis des Arts de Aix en Provence (Francia).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2018.