Pasar al contenido principal

A saúde cardiometabólica na infancia e adolescencia vese afectada pola exposición fetal e posnatal ao tabaco

O traballo desenvolveuse no grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde da USC. FOTO: Santi Alvite
O traballo desenvolveuse no grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde da USC. FOTO: Santi Alvite
Dous estudos da USC e da Universidade de Brown conclúen que o fume ambiental está vinculado cun incremento na graxa visceral e nas cifras de tensión arterial sistólica
Santiago de Compostela

A exposición temperá ao fume ambiental do tabaco, tanto no período fetal como nos primeiros anos de vida, provoca efectos adversos na saúde cardiometabólica durante a infancia e a adolescencia. Así o demostran dous estudos da USC en colaboración con persoal investigador da Universidade de Brown, evidenciando que esta situación débese ao aumento na graxa visceral e nas cifras de tensión arterial sistólica. Os dous traballos son froito da tese de doutoramento de Nerea Mouriño Castro, dirixida pola profesora Mónica Pérez Ríos, da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, e polo profesor Joseph M. Braun, do departamento de Epidemioloxía da Universidade de Brown.

Exposición postnatal

O estudo publicado na revista Environmental research, titulado ‘Pre- and postnatal exposure to secondhand tobacco smoke and cardiometabolic risk at 12 years: Periods of susceptibility’, desenvolveuse a partir de datos dunha cohorte estadounidense, Health Outcomes and Measures of the Environment (HOME) Study. Esta cohorte iniciou o recrutamento de mulleres embarazadas no ano 2003 e, dende entón, continuou co seguimento das mulleres e a súa descendencia viva para valorar os efectos na saúde, durante a infancia e adolescencia, derivados da exposición pre e posnatal a diferentes tóxicos ambientais, entre eles, o fume do tabaco. “O obxectivo do estudo foi valorar a influencia das devanditas exposicións na saúde cardiometabólica considerando diferentes compoñentes de risco (modelo homeostático para avaliar a resistencia á insulina, cociente triglicéridos/colesterol HDL, cociente leptina/adiponectina, graxa visceral e tensión arterial sistólica); ademais, analizáronse posibles modificacións do efecto segundo o período de exposición e o sexo dos adolescentes”, explican dende o grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde da USC, coordinado polo profesor Alberto Ruano Raviña. 

Logo de empregar modelos de informantes múltiples axustados por características sociodemográficas, antropométricas e estilos de vida das nais e fillos/as, os resultados mostran que a exposición prenatal ao fume ambiental de tabaco non inflúe na saúde cardiometabólica; con todo, a exposición postnatal asóciase con maior risco cardiometabólico debido a un aumento na graxa visceral, resistencia á insulina, e no cociente triglicéridos/colesterol HDL e leptina/adiponectina, aos 12 anos. Ao considerar o sexo dos adolescentes, a exposición posnatal asóciase cun maior aumento de graxa visceral nas nenas, en comparación cos nenos. 

Período fetal

Doutra banda, o segundo estudo, unha revisión sistemática acompañada de meta-análise, titulado ‘Maternal smoking in pregnancy and blood pressure during childhood and adolescence: a meta-analysis’ e publicado na revista European Journal of Pediatrics, abordou datos de quince estudos de cohortes, realizados entre 1959 e 2007, que incluían cifras medias de tensión arterial de 73.448 nenos/as e adolescentes de 3 a 17 anos que estiveran expostos ao fume de tabaco materno durante o período fetal. Ditas cifras estaban axustadas por características sociodemográficas, antropométricas e/ou estilos de vida das nais/pais e fillos.

“O obxectivo deste estudo foi analizar a evidencia actual do efecto do consumo de tabaco materno durante o embarazo na tensión arterial dos seus fillos, e avaliar o cambio nas cifras de tensión arterial diastólica e/o sistólica dos nenos e adolescentes expostos, en comparación cos non expostos”, aclaran dende o equipo investigador. Os resultados mostran que a exposición ao fume de tabaco materno durante o período fetal podería aumentar as cifras de tensión arterial sistólica durante a infancia e adolescencia de forma significativa. Non se atoparon asociacións significativas para as cifras de tensión arterial diastólica. A tese de doutoramento de Nerea Mouriño Castro obtivo a cualificación de sobresaliente Cum Laude.

Os dous traballos son froito da tese de doutoramento de Nerea Mouriño Castro
Os dous traballos son froito da tese de doutoramento de Nerea Mouriño Castro
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.04.2023.