Pasar al contenido principal

Entrega de diplomas á décima promoción de ESTALMAT-Galicia

Mapa da 10º Promoción de Estalmat-Galicia
Mapa da 10º Promoción de Estalmat-Galicia
O acto terá lugar este sábado na Facultade de Matemáticas

A décima promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebra este sábado 5 de maio o seu acto de despedida nunha sesión que terá lugar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 12:30 horas presidida polo reitor da USC e presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan M. Viaño Rey.

Son 25 estudantes (17 rapaces e 8 rapazas) seleccionados en 2016 polas súas aptitudes matemáticas avanzadas dun total de 339 procedentes na súa maioría das provincias da Coruña (214) e Pontevedra (91), seguidas das de Lugo (19) e Ourense (15), tanto do ensino público (223) como do privado (116).

A clausura A xornada sábado contará coa presenza do director xeral de educación, Formación Profesional e innovación educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira López; da decana da Facultade anfitrioa e coordinadora xeral do Proxecto ESTALMAT-Galicia, Elena Vázquez-Cendón; do deputado provincial da Deputación da Coruña, Juan Penabad Muras; da deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Artesanía e Deseño e Educación da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e de membros do equipo docente.

No mesmo acto intervirán a docente Sandra Díaz Mouro, a estudante Fátima del Blanco (Ames-Milladoiro), o alumno Javier Ares Vila (Vigo) e en representación das súas familias, Ana Cristina Vila Pérez e Javier Rodeiro Maseda, que farán unha lembranza destes dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia.

Previamente, a partir das 10:15 horas, os estudantes realizarán a última actividade do curso, unha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) guiada polo subdirector técnico, Ignacio López, e asistido polos membros do seu equipo, Fernando Bouzas e Mª José Rodríguez Malmierca.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2018.