Pasar al contenido principal

Tres proxectos estudarán o Camiño na prensa escrita, na actividade comercial e nos textos da tradición xacobea

A Cátedra do Camiño é o resultado da colaboración entre USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra do Camiño é o resultado da colaboración entre USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. FOTO: Santi Alvite
Manuel Seco Lamas da Université de Toulouse 2, Sara María Torres Outón da UVigo e Joel Varela Rodríguez da USC acaban de recibir financiamento por parte da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións para desenvolver as súas investigacións
Santiago de Compostela

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxa creación é o resultado da colaboración entre USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de outorgar financiamento a tres proxectos de investigación que profundan, dende diversas perspectivas, na ruta xacobea. A análise da prensa escrita española e francesa dende o ano anterior ao primeiro Xacobeo institucional e ata 2022; o estudo da oferta da actividade comercial dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño; e a compilación de textos sobre a tradición xacobea ata o ano 1200 conforman as tres liñas de investigación a desenvolver.

Manuel Seco Lamas

O investigador Manuel Seco Lamas da Université de Toulouse 2 acometerá, no marco da súa tese de doutoramento, o proxecto titulado ‘Análise do impacto do Xacobeo no proceso de "resemántica" do Camiño de Santiago e da figura do peregrino: caso da prensa escrita nacional española (1992-2022)’ no que afondará no publicado dende o ano anterior ao primeiro Xacobeo institucional e ata 2022.

Nos anos noventa ten lugar un importante impulso para a revitalización dos camiños de Santiago. As institucións públicas conducen unha importante campaña de promoción e de conservación e restauración das rutas, coa axuda de asociacións xacobeas en España, pero tamén en Francia e Portugal principalmente. Nace así o evento Xacobeo, a institucionalización dos anos santos. “Estudos preliminares determinaron que os turistas, de maneira xeral, tenden a prestar máis atención á información práctica, noticias e traballos literarios sobre os camiños de Santiago, que ás propias campañas publicitarias”, explica o investigador. O obxectivo xeral da tese é entender a revitalización contemporánea dos camiños de Santiago en Europa desde o punto de vista institucional e sociolóxico.

Sara María Torres Outón

Pertecente á UVigo, Sara María Torres Outón estudará a oferta da actividade comercial e demanda dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño. “Esta investigación busca coñecer se as demandas de produtos e servizos comerciais son similares, complementarias ou están en conflito en función do tipo de consumidor/a”, apunta a investigadora. No marco do proxecto, realizaranse enquisas a comerciantes de diferentes zonas da cidade para medir o efecto que a demanda de bens e servizos básicos a pé de rúa, por parte de quen chega a Santiago, ten sobre a oferta comercial e se é posible establecer un patrón en función da distancia á catedral.

“Este traballo persegue invitar a reflexionar sobre as consecuencias que ten na configuración das cidades e, especialmente na vida urbana, o consumo e, polo tanto, a oferta comercial e de servizos básicos que sacian as necesidades de residentes, visitantes, peregrinas/os e turistas”, engade.

Joel Varela Rodríguez

O obxectivo do proxecto de Joel Varela Rodríguez é compilar todos os textos en torno ao apóstolo Santiago en Compostela e as peregrinacións ao seu sepulcro, ata o ano 1200, co fin de compoñer “unha monografía útil tanto á comunidade académica como ao público xeral”, explica o investigador da USC, “cunha pertinente introdución histórica e as correspondentes anotacións”.

A obra poñerá ao dispor da comunidade académica a primeira compilación e tradución de todos estes textos, facilitando o seu acceso aos especialistas do fenómeno xacobeo cando precisen acudir a estas fontes textuais para as súas investigacións; e difundirá ante o público xeral esta colección de textos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.05.2023.