Pasar al contenido principal

Aberto o prazo para formar parte da promoción dezaseis do proxecto de estímulo do talento matemático Estalmat

Alumno realizando unha proba de Estalmat. FOTO: Santi Alvite
Alumno realizando unha proba de Estalmat. FOTO: Santi Alvite
Ata o 29 de maio pode formalizarse a inscrición nas probas que de desenvolverán o vindeiro 3 de xuño
Santiago de Compostela

O Proxecto Estalmat-Galicia para Estímulo do Talento Matemático acaba de lanzar a convocatoria 2023 da proba de selección dirixida a alumnado nacido nos anos 2010 e 2011 e que conformará a promoción número dezaseis deste programa que busca detectar e prestar atención a nenas e nenos con talento matemático. A solicitude pode formalizarse ata o 29 de maio a través dun formulario electrónico. Poderán ser seleccionados/as un máximo de 25 estudantes.

As persoas inscritas participarán en actividades formativas adaptadas ao desenvolvemento do seu talento nos dous cursos seguintes, con posibilidade de continuar outro ano máis. As sesións son totalmente gratuítas para as persoas participantes e teñen lugar na Facultade de Matemáticas da USC nas mañás dos sábados. O equipo académico está composto por máis de 60 docentes de ensino medio e das tres universidades galegas das áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e, maioritariamente, Matemáticas.

Para evitar grandes concentracións por mor da proba e, asemade, facilitar a participación, Estalmat conta coa colaboración de dous centros de Ensino Medio para realizala. En total os espazos habilitados atópase no IES Eduardo Blanco Amor en Ourense, no IES Castelao en Vigo, na Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo e na Facultade de Matemáticas da USC en Santiago de Compostela. No formulario de inscrición, indicarase a selección da sede para realizar a proba.

Dúas fases

A proba presencial e escrita realizarase o sábado 3 de xuño de 2023 e consistirá na resolución de problemas. Publicarase unha listaxe provisional con 25 estudantes seleccionados/as e unha lista de agarda por orde alfabética con outros 25. Unha vez corrixidas as probas, levarase a cabo unha entrevista individual coas nenas e nenos preseleccionados na proba de aptitude, acompañadas ou acompañados da súa nai ou o seu pai, ou titores/as, que previamente serán avisados persoalmente. A entrevista está encamiñada a avaliar o interese e o grao de compromiso co proxecto. 

O horizonte que persegue Estalmat consiste en “desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben coas matemáticas ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade”, explican dende a organización.

O proxecto Estalmat-Galicia iniciou a súa andadura no curso 2007-2008, integrado no Proxecto Estalmat, iniciativa da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. Conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, da Axencia Galega de Innovación, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e da Facultade de Matemáticas da USC e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.05.2023.