Bota a andar a novena edición do Concurso literario Mazarelos
Co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía convoca a novena edición do Concurso literario Mazarelos. O certame está dirixido a alumnado de grao, mestrado e doutoramento que estea matriculado en calquera titulación da USC, ou ben persoal investigador contratado na USC, en 2023, con cargo a proxectos de I+D ou programas posdoutorais. O prazo de presentación de orixinais rematará o 30 de setembro de 2023 ás 23.59 horas.
O concurso estrutúrase en dúas modalidades: aberta e científica. A primeira delas admite obras de calquera xénero literario sen límite temático, mentres que a segunda esixe que o eixo central ou o pano de fondo sexa a divulgación científica ou a ciencia no sentido amplo do termo. As obras deberanse presentar a través dun formulario electrónico de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.
Cada participante só poderá presentar, como máximo, unha obra en cada modalidade e un mesmo texto só se poderá presentar nunha das modalidades. Os traballos deberán ser orixinais, escritos en lingua galega en calquera norma ortográfica, inéditos e non premiados noutros concursos. Tampouco poderán presentarse a outros concursos durante o período desta convocatoria ata que se publique a decisión do xurado. Establécese un límite máximo de 8.000 palabras.